A secretaria xeral para o Deporte, Marta Míguez Telle, acompañada polo delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, visitou hoxe varias instalacións deportivas financiadas e melloradas pola Xunta de Galicia na provincia lucense. A titular de Deporte sinalou a “construción e reforma de instalacións deportivas como un dos eixos fundamentais do seu departamento para aumentar a práctica deportiva entre os galegos e galegas e que estes poidan exercitarse nas mellores condicións posibles”. Marta Míguez mandou unha mensaxe de ánimo a todos os veciños lucenses para que usen estas instalacións renovadas “mellorando así a súa calidade de vida a través do deporte”.
Nas súas verbas, a secretaria xeral para o Deporte destacou como a práctica deportiva pasou dun 55,1% en 2007 a un 70,75% en 2014 segundo a enquisa realizada pola USC en colaboración coa Secretaría Xeral para o Deporte no marco do programa Galicia Saudable. “Queremos que estes números sigan a medrar e acadar unha poboación activa ao 100%”, engadiu.
A primeira hora da mañá, Marta Míguez dirixiuse a Riotorto para comprobar in situ a pista de pádel sita en O Mazo, financiada integramente pola Xunta de Galicia a través dunha partida do convenio asinado o pasado 19 de setembro. Posteriormente, a secretaria xeral dirixiuse ao campo de fútbol municipal ‘A Veiga’ onde se realizou a mellora do céspede segundo o convenio asinado o pasado 16 de xuño. Máis tarde, a máxima responsable do deporte a nivel autonómico visitou a área deportiva de Castro Ribeiras de Lea, sita no municipio lucense de Castro de Rei, en compañía do alcalde Francísco Balado. Alí, supervisou o campo de adestramento de fútbol, que contou cun investimento da Xunta de 49.890,77 euros.