Martínez considera que o Grupo Provincial Socialista iniciou o proceso para expulsalo de forma “defectuosa”

O deputado provincial Manuel Martínez fixo públicas as súas alegacións para tentar que o Grupo Provincial Socialista dea marcha atrás no proceso aberto para expulsalo do partido. Nese documento o alcalde de Becerreá califica de “defectuosa” a notificación feita polos socialistas, na que lle informan de que o Grupo Provincial acordou iniciar o proceso de expulsión do PSOE, confirenlle un prazo de 10 días naturais para presentar alegacións e o suspenden cautelarmente de todas as funcións e dereitos que como membro do Grupo Provincial Socialista o asisten.

Martínez explica que na devandita notificación “non se contén referencia algunha sobre o carácter definitivo ou non de ditos pronunciamentos, os recursos que contra os mesmos poden interpor, prazos para a súa inteporsición e órgano administrativo ou xurisdiccional ante o que deben sustanciarse”. Desta maneira, reclama una nova notificación que cumpra todos os requisitos legais así como deixar sen efecto xurídico a notificación orixinal de 27 de novembro.

Do mesmo xeito o alcalde de Becerreá denuncia que o Grupo Provincial Socialista non lle permitiu defenderse e que a decisión foi adoptada polo grupo sen convocar una reunión de todos os membros, polo cal rexeita que fose un acordo unánime. Así, pregúntase “¿Cómo acorda o Grupo iniciar expediente sen ter convocado a esa reunión a tódolos seus membros, en particular ao dicente [Martínez] privándolle xa dunha primeira posibilidade de defensa? Tendo isto en conta, ¿Cómo poden indicar que o acordo foi adoptado por unanimidade na comunicación que fai o Grupo á Deputación Provincial de Lugo?”

A pesar de que para Martínez a notificación non pode ter valor, aproveita o escrito para expoñer os seus argumentos. Por unha banda, o deputado provincial deféndese ante a acusación de transfuguismo que fai o Grupo Provincial. “A única xustificación que pode respaldar a expulsión polo Grupo Político Provincial a un dos seus deputados é a de que con motivo da súa actuación, este deputado poida ser considerado tránsfuga de acordo coa definición que del nos dá o Acordo sobre transfugismo do ano 2006”, explica.

Desta maneira, para Martínez “salta á vista que os feitos en momento algún poden ser incardinados na definición de tránsfuga”, xa que co sentido do seu voto ou coa súa ausencia no momento da votación “nin se ten mudado a maioría gobernante da Deputación que co voto do dicente é precisamente a do PSdeG e do BNG, nin se ten feito imposible ou dificultado en grado extremo o goberno da Entidade Provincial”.

Consecuentemente, o deputado provincial expón que “se non existe base para incoar o procedemento de expulsión, moito menos cabe a posibilidade de suspender ao dicente en tódalas funcións e dereitos que como membro do Grupo Político Provincial lle corresponden”.

Moción de censura

Martínez remata o argumentario lembrando o seu papel na moción de censura que permitiu ao PSOE recuperar a presidencia da Deputación: “Cómpre engadir o feito de que o Grupo Provincial Socialista da Deputación Provincial de Lugo ostenta á presidencia e ao goberno da mesma grazas á sinatura, entre outros do exponente e votación posterior da moción de censura que permitiu dita presidencia e goberno. Que dúbida cabe que se fora un tránsfuga, en momento algún tería asinado e votado tal moción de censura”. O deputado remata facendo hipóteses sobre as posibles motivacións do grupo para iniciar este proceso. “Que poidan existir intereses espúreos que desexarían a expulsión do Deputado de que se trata é un tema totalmente distinto e alleo ao que representa o fenómeno do transfuguismo político”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com