O alcalde de Becerreá e deputado non adscrito na Deputación de Lugo, Manuel Martínez, presentouse esta mañá diante da prensa para amosar o seu asombro ante o sucedido onte durante o pleno da corporación provincial. Para Martínez, todo o espectáculo estaba “programado” por quen tildou de “mafia rusa” dos socialistas aos que “a partir de agora chamarei socialarribistas“. Martínez asegurou que a Deputación vén de converterse nun “despropósito” na que asegurou só hai “maquinacións e manobras políticas que bordean a legalidade”.
Asemade, o becerrense asegurou que o que está a facer o actual goberno é “desbaratar todo o traballo feito nos últimos anos” e, asegurou que están a volver a un período “preconstitucional” e ao fío de converterse nunha “dictadura bananera”.
Manuel Martínez, non quedou aí e insinuou que o sucedido podería non ser culpa do presidente do executivo, Darñio Campos, e deixou caer que o presidente, “só é un títere de alguén que, tendo que ser onte un día importante para o goberno socialista pola aprobación do Plan Único, converteu o pleno nun sen sentido e nun desastre”.
De Campos Conde dixo tamén que é unha persoa “incapaz” de cumprir coa provincia ou co partido, “nin como persoa, nin como político” e asegurou que se quixera cumprir coa cidadanía, “xa tería presentada a súa dimisión”.
Martínez, que se foi dos socialistas de Becerreá levando consigo a outros compañeiros descontentos co rumbo do partido na provincia, asegurou que o PSOE se está “acabando” na provincia pois, asegurou “onde non hai verdade, non hai principios, e sen principios non hai proxecto nin partido”.
Ante todo o sucedido onte no pleno e contando con actitudes anteriores asegurou que “todas as pontes están rotas” entre o presidente da Deputación e el, e asegurou que “algún obxectivo tiña expulsarme do pleno”. Entre as súas cábalas, destaca que, botando a Martínez do Salón plenario o goberno socialista podería rexeitar a moción presentada polo deputado non adscrito sobre a regulación dos prezos públicos das residencias e sacar adiante a moción de urxencia presentada polo equipo de Campos Conde co fin, dixo Martínez, de “dinamitar Suplusa”.
O becerrense agradeceu aos populares que abandonaran o salón de Plenos para que, así, non se puideran debater as mocións de urxencia do grupo socialista que necesitaban un mínimo de 13 votos para poder presentar esas propostas. Asemade, Martínez quixo pedir perdón á cidadanía polo “espectáculo” e o seu comportamento pero lembrou que todos os presentes foron partícipes do show e pediu aos socialistas que “deixen de botar merda á política e se olviden do odio hacia Martínez” pois, asegurou “o dano final é para a institución e o grupo socialista” que, segundo o de Becerreá “poñen por diante varrer a Martínez da provincia antes que o ben da cidadanía”.
“Non vou descartar fórmula ningunha”
Tras a rolda de prensa, Martínez avanzou que as negociacións para crear unha nova agrupación que se presente ás vindeiras eleccións municipais “está no embrión, está nacendo”. O alcalde de Becerreá está en negociacións e buscando contactos con outroas forzas ou políticos que se queiran presentar con listas independientes para así ” ampliar a base electoral para ter representación na Deputación e, igual, nas autonómicas”.
Ante as preguntas da prensa sobre se houbo algún tipo de achegamento por parte de Cidadáns para xuntarse o deputado non adscrito asegurou que “non vou descartar fórmula ningunha” e, aínda sen aclarar nada, asegurou que intentará “aglutinar diversas forzas” nunha mesma plataforma ou agrupación. Aínda que non aclarou ao 100% se Cidadáns falou con el directamente, o certo é que asegurou que “hai conversas” e non rexeitou achegar posturas con ningún grupo. O que si ten clara é a clave da súa candidatura: “a clave é a provincia de Lugo, o PSOE pódese desestabilizar nalgún concello concreto, e así podemos conseguir deputados”