Martínez presenta a súa renuncia como membro do grupo provincial socialista

Xornada de Pleno hoxe na Deputación e xornada que arrancou con certa tensión, despois de que o ex vicepresidente do Executivo, Manuel Martínez, tomara a palabra -sen que lla deran- ao inicio da sesión para preguntarlle ao presidente, Darío Campos cal era a súa situación dentro do grupo provincial socialista. Ao non obter unha resposta crara por parte de Campos Conde, o alcalde de Becerrreá e presidente de Suplusa abandonou o salón de plenos momentáneamente, para presentar en rexistro un escrito no que vén a solicitar a baixa do grupo socialista.

Martínez aqueixouse de non ter recibida a documentación relativa á orde do día do pleno, nin parte do Servizo de Actas, como correspondería en caso de non adscripción a ningún partido, nin tampouco por parte do grupo provincial socialista, a cuxa reunión previa á sesión ordinaria “acudiría con alegría para explicarlles a miña postura”.

Martínez afirmou non saber “onde estou”, despois de ser cesado hai uns días dos seus cargos como vicepresidente e deputado de Vías e Obras, está á espera dunha comunicación do Comité Federal do PSOE que lle informe da súa expulsión. O becerrense pediulle a Campos Conde que lle explicara se o caso que estaba a ocorrer era parte dunha “perda parcial” de confianza ou se, pola contra, era unha “perda astuta” para que ex vicepresidente non puidera tomar a palabra no pleno.

O presidente, Darío Campos, explicou tanto ao deputado como ao pleno que o partido está realizando os trámites necesarios para completar a “expulsión do partido e do grupo”, argumento que non chegou a convencer a Martínez quen asegurou que as xestións non son as mesmas para botalo do partido e do grupo provincial, e que non entendía por que non se lle botaba do segundo.

Campos Conde retomou a palabra para instar ao deputado becerrense que, se quería “acabar moito máis rápido” e clarificar a súa situación, só tiña que presentar un escrito renunciando a ser membro do grupo socialista. Ese foi o momento en que Martínez anunciou o que estaba por vir: tras a seguinte moción, o deputado levantaríase do seu escano e presentaría o escrito de renuncia no Rexistro da Deputación.

Agora, Manuel Martínez volve, como hai un ano, a ser un deputado non adscrito.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com