Eleanor foi a filla máis célebre do filósofo e teórico Karl Marx, o home que revolucionou a historia occidental no século XIX xunto a Fredrich Engels, con obras que cambiaron para sempre o noso mundo, como O capital ou O manifesto comunista. Eleanor continuou a acción política do seu pai loitando polos dereitos dos traballadores, a erradicación do traballo infantil e a emancipación das mulleres. Considerada unha das primeiras activistas feministas, esta muller que viviu sempre á sombra do seu pai, é a protagonista de Miss Marx, que chega este venres a Codex Cinema.
A película de Susanna Nicchiarelli presenta una visión desta personaxe e do seu tempo sen ningún tipo de complexos. O gran traballo de recreación histórica (finais do século XIX) se mestura cunha mirada desenfadada e post-moderna, mostrando a personalidade conflitiva e contraditoria de Eleanor, muller que no seu activismo foi de unha coherencia política absoluta e sen fisuras, mais na súa vida privada foi vítima da vaidade e misoxinia de Edward Aveling, un caprichoso sedutor que marcou a existencia da filla de Marx.
Así, pese a que estamos ante unha biografía dunha muller que viviu no século XIX, a mirada é absolutamente contemporánea, cun aspecto moi actual e que incluso inclúe cancións do grupo punk Downtown Boys como banda sonora. Estamos ante un filme único e refrescante, colorista e apaixonado, onde unha cineasta rende tributo a unha das figuras feministas e socialistas máis importantes da historia.
As mulleres son protagonistas tamén da nosa outra estrea da semana. A muller que escapou é a nova obra mestra de Hong Sangsoo, o cineasta surcoreano que leva 25 anos retratando a vida común da clase media do seu país, a través de comedias perfectamente medidas onde o alcohol e os condicionamentos sociais, a sedución e a loita de sexos, son a maquinaria que move as relacións humanas. Aínda que a maior parte das películas de Hong son protagonizadas por homes (moitas veces alter-ego do cineasta) nesta ocasión o protagonismo é total para as mulleres.
Seguimos a Gamhee, unha muller nova que despois de casar co seu marido deixou atrás moitas amizades. Agora que o marido se ausenta por unha viaxe de negocios, ela decide visitar ás amigas da xuventude. Nesta aventura, os soños de cando era moza, as sensacións esquecidas da xuventude regresan e fai que teña que pensar moitas cousas sobre a súa propia vida.
Estamos ante un filme lixeiro e encantador, elegante e misterioso. Un retrato realista e complexo dunha muller e da súa circunstancia, delicado e conmovedor no seu retrato da vida cotiá. Un novo éxito artístico deste cineasta fundamental que levou o premio a mellor director no pasado Festival de Berlin.
Os derradeiros días de Laura Palmer no Universo David Lynch
Chega unha entrega moi especial no ciclo que Codex Cinema adica ao cineasta David Lynch coa proxección de Twin Peaks. Lume, camiña comigo, o spin-off para a gran pantalla que o director americano fixo da súa serie de televisión de culto, onde narra os últimos días de vida de Laura Palmer, a moza desaparecida que era o centro do misterio da obra orixinal. Lynch aproveita todo o universo referencial da serie de televisión para facer unha das súas obras máis libres e imaxinativas, un carrusel de imaxes oníricas e momentos tipicamente lynchianos.
O filme foi estreado no ano 1992 no festival de Cannes, en medio dunha gran polémica polo seu carácter críptico e surrealista, masacrada pola crítica máis conservadora, pero nestes trinta anos foi rehabilitada polos entusiastas do cineasta e hoxe en día está considerada unha gran obra de culto e unha película fundamental para entender a personalidade deste artista.