Mato é Fuxan

Celebramos os 90 anos de Xesús Mato e os 50 do seu Fuxan os Ventos, presentando web e libro homenaxe en Paradela e Lugo. En Paradela rematamos con Xosé Lois Foxo tocando na gaita o “Alalá do Courel”, e en Lugo, con Xosé Luis Rivas-Mini cantando un anaco de “Fuxan os ventos”.

O que máis sona de Mato é “Fuxan”: autor de letra e música, creador e impulsor do grupo. Pero tamén promoveu vivendas para xente humilde e creou a Polifónica en Lalín… con el tivemos misas en galego na radio, Auxilia ou “Galicia canta ao Neno”; dirixiu o Orfeón Lucense e pasou 25 anos como crego da montaña. De paso, dirixiu centos de programas relixiosos na radio e asinou innumerables artigos na pensa escrita.

Con 90 anos recibe admirado o libro que percorre a súa peripecia vital, con 19 autores que o agariman, e un nutrido grupo de “matólogos” e “matófilos”, entendidos en Mato e admiradores do seu labor que lle renden homenaxe. E Mato soportou estoicamente loubanzas, apertas e sinatura de libros, afirmando que non fixo máis ca ser cura, e como cura tiña que atender ás almas dos feligreses pero tamén á súa vida, os seus problemas e as súas ledicias. Coida que a súa vida foi unha graza de Deus, e que se as cousas saen ben é porque Deus considera que son cousas boas.

Afirma que os anos o retiran do mundo activo, que as homenaxes que lle facemos son un exceso… e os amigos chegamos a un acordo con el, que está cumprindo escrupulosamente: déixanos facer, sabendo que ten que “deixarse querer”. Os que coñecemos a Mato, querémolo. Adolfo de Abel ten mencionado “Aquel cura que todos chamabamos Padre”. Para moitos, Mato o de Fuxan, é coma un pai.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com