A área de Muller, Igualdade e Inclusión conmemorará o 8 de marzo, Día Internacional da Muller, con varias actividades entre as que destaca un roteiro polo adarve da muralla para formar unha “Marea de Bolboretas” con papaventos que serán entregados á cidadanía á que se invita a participar.
A edil de Igualdade explica que “invitamos a cidadás e cidadáns a formar parte desa Marea de Bolboretas que organizamos para o sábado á tarde, en colaboración con AELU, para a que agardamos que o adarve da muralla acolla unha auténtica multitude”. Este percorrido, con saída o sábado ás 18.00 horas desde a Casa do Concello, realizarase polo adarve da muralla no que se empregarán papaventos con forma de bolboretas que serán entregadas á cidadanía para que poidan voalas no exterior e encher así o ceo cos camiños que describen durante o seu voo. En caso de chuvia, a saída da marcha manterase desde o Concello para despois dirixirse ao quiosco da Praza Maior, que rodearase cos papaventos.
Ademais deste acto, o programa para conmemorar o 8M, inclúe outras actividades coas que se pretende abarcar distintos eidos da sociedade. Así o deportivo estará moi presente, e de feito, a programación comezará cun 3×3 de baloncesto, mañá venres, de 17.00 a 20.00 horas, na praza de Augas Férreas, coa asistencia de varias xogadoras do Ensino e do equipo do Breogán veteranas.
Na conmemoración do Día Internacional da Muller tamén figura a terceira proba do XXIII Circuíto Corre Con Nós – Corre con Elas 2025, que terá lugar o domingo 16 de marzo, no barrio de San Fiz, a partir das 12.00 da mañá.
Co obxectivo de promover a igualdade tamén entre as cativas e cativos, a área de Muller porá en marcha os Martes de Contos para a Igualdade, con entrada libre e gratuíta ata completar aforo, nunha aposta dirixida ao público infantil e familiar. Para o martes, 11 de marzo, está programada ás 17.00 horas, no centro de convivencia Maruja Mallo, “Contamos en Igualdade. Contos para non perder”, da man de Ángeles Goas. O día 18 de marzo, o auditorio do Vello Cárcere, acollerá Maxia en Feminino ca maga Fani e o seu espectáculo A fábrica de feitizos, ás 18.00 horas. Por último, o 25 de marzo, no MIHL, á mesma hora, terá lugar a actividade “Contos vellos, novos finais”, da man de Caxoto.
A celebración do 8M tamén porá o acento na saúde das mulleres, para o que están preparadas as Xornadas de Saúde Feminina, que terán lugar o 21 de marzo, ás 18.30 horas no auditorio do Vello Cárcere, cunha conferencia sobre “Prevención e enfermidade Cardiovascular na Muller”, a cargo do Xefe de Servizo de Cardioloxía do HULA, o doutor Carlos González-Juanatey.
Por outra banda, desde a concellería de Muller, Igualdade e Inclusión infórmase de que a cerimonia de entrega dos premios “Entre Mulleres” deste 2025, que ía ter lugar no Salón de Plenos do Concello, queda aprazada.