O próximo mércores, 22 de Marzo, terá lugar a presentación da I Media Maratón Cidade de Lugo, organizada por un diario da cidade en colaboración co Concello de Lugo.
Esta media maratón discorrerá por un trazado de asfalto de catro voltas con saída na Praza do Ferrol, en dirección á Rolda da Muralla e, que finalizará cunha volta polo adarve da Muralla, ata completar unha distancia próxima á dunha media maratón, con finalización no fondo da Praza Maior.
“Esta será a primeira pedra dun proxecto que irá crecendo ano a ano e que seguramente se modificará en canto a trazado e dureza da proba para ir facéndoa máis accesible e apetecible a todo atleta que queira participar”, explicou o Concello de Lugo nun comunicado esta mañá.
Segundo informou o goberno local, esta proba “nace coa intención de asentarse no calendario atlético galego, como un referente de proba ao servicio do atleta”, adaptándose, ás distintas necesidades do corredor.
As inscricións abriranse ese mesmo mércores pola tarde cun prezo alcanzable nun primeiro tramo, incrementándose a medida que se achega a data da carreira; ata completar a cifra máxima de 1500 atletas, límite posto pola organización para este tipo de probas.
A organización, entre outros servicios habilitará unha zona de entrega de dorsais próxima á saída, así como a zona de vestiarios e duchas na zona próxima á meta.