Médicos do Hospital Público da Mariña deron a voz de alarma na tarde de onte. O número de contaxios feito público pola Xunta de Galicia, non son exactos. Nunha comparecencia ante o Hospital comarcal de Burela, os traballadores amosaron preocupación ante a “importante confusión· nos datos sobre positivos e “o uso que fai deles o Goberno galego para xustificar a realización das eleccións”.
Íñigo Melchor Armiño, médico do PAC de Viveiro, falou onte en nome de todo o persoal sanitario da Mariña deixando claro que as cifras que constan na rede de datos do sistema de saúde son maiores dos que está a informar o Sergas.
Para Melchor Armiño, dende a Consellería e o Sergas, “non están afinando” co número de casos, “non sabemos onde está o problema”, asegurou. A pesares de non confirmar datos concretos, o facultativo afirmou que esta situación “leva a pensar que hai unha falta de transparencia importante” o que pode xerar “preocupación entre profesionais e veciños”.
O médico quixo resaltar o feito de que estes datos poidan estar a usarse para “argumentar a pertinencia das eleccións”, un argumento que, dende o centro sanitario, non entenden que poida ser válido “porque non é real”. Asemade, lembra que o aumento de casos na pandemia de Francia estase xa a vincular coa celebración de eleccións no país veciño.
Asemade, aproveitaron este grupo de sanitarios para considerar o peche da Mariña como un “confinamiento á carta para facer unhas eleccións”. Unha decisión que criticaron duramente.
Últimos datos confirmados polo Sergas
Os últimos datos confirmados pola Consellería de Sanidade relativos a este brote na Mariña sitúan a cifra de casos activos en 192, 17 positivos en Covid-19 novos dende onte. A pesares do aumento, o conselleiro de dita área, Jesús Vázquez Almuíña, asegurou en rolda de prensa que eses novos casos déronse en contactos doutros positivos e que xa estaban aillados por prevención, polo que considerou que “o brote está acotado”.