Médicos en folga

Neste tempo propicio para folgas e manifestacións é perfectamente lícito que os médicos se poñan en folga na defensa dos seus dereitos, aínda que esta folga ocasione trastornos ben diferentes dos que orixinan as da limpeza, do ensino ou do transporte.

Por unha mínima intervención no Hula, atopeime coa folga, e acepteino coa resignación do caso, contemplando a protesta de quen vía anulada por terceira vez unha intervención, tendo que pedir días libres no traballo e viaxar desde lonxe.

Aquel día contemplei a manifestación de médicos, con batas brancas, pitidos e consignas, e algún chip avisoume da non coincidencia da imaxe que teño dos Señores da Saúde con manifestantes coreando protestas.

Aceptamos proclamas de gandeiros, obreiros, funcionarios, sindicatos… por estimar que non teñen outro xeito de expresar a súa protesta. O dos médicos custa asumilo, como é difícil comprender que os profesionais da xustiza se manifestasen berrando cando o seu é a palabra xusta, o estudo da Lei e, se fixese falla, a confección colectiva dun recurso maxistral que fixese tremar á Administración, caer ao Ministro e revolucionar o aparato xudicial.

As eleccións non acelerarán procesos – retrasalos, tampouco -, pero os nervios están a flor de pel, os políticos máis receptivos, as solucións semellan máis doadas, e as folgas son un dereito… Hai paises que fan folga traballando máis. Eu avogaría polas folgas en silencio, mesmo tendo en conta que as procesións dos Caladiños son as que nos calan máis fondo.

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com