Medio Ambiente conclúe o trámite ambiental do PXOM de Cervantes

A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio determina a viabilidade, desde o punto de vista ambiental, do Plan Xeral de Ordenación Municipal de Cervantes, sempre que se incorporen a este documento as medidas e garantías de protección e calidade recollidas na memoria que hoxe publica o Diario Oficial de Galicia. Deste xeito, o departamento autonómico dá por concluído o trámite ambiental da planificación urbanística do Concello de Cervantes, o que lle permitirá ao Goberno local seguir avanzando na tramitación do seu PXOM.

Así, o Concello de Cervantes poderá someter o Plan á aprobación provisional polo Pleno da Corporación, tras integrar, na planificación urbanística do municipio, os aspectos ambientais que sinala a memoria ambiental elaborada pola Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático. Neste senso, este departamento considera que, co fin de evitar a ocupación de novas parcelas na periferia dos núcleos rurais delimitados, así como a construción de novas vivendas, se establezan medidas para impulsar a recuperación de terreos baleiros dentro dos límites do núcleo rural establecido e a rehabilitación de inmobles existentes.

De aí, a importancia, segundo sinala a memoria ambiental, de revisar a delimitación dos núcleos de San Martín (Ribeira), Lamas e Santa Mariña (Vilarello) para eludir a ocupación de solo vacante na periferia do núcleo, en moitos casos, con excesivas pendentes, veigas ou caracterizados pola presenza de masas de árbores autóctonas. Ademais, o departamento de Calidade Ambiental e Cambio Climático indica que deben representarse na cartografía do PXOM as áreas de especial interese paisaxístico delimitadas, precisamente, no Catálogo galego de paisaxes, que son Os Ancares, Devesas de Pintidoira e Vilapasantes e Río Navia. Igualmente, sinala que estes espazos teñen que clasificarse como solo rústico de protección paisaxística en concordancia coa Lei do Solo de Galicia.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com