A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda da Xunta Ángeles Vázquez, invitou esta mañá a solicitar axudas ao amparo dos programas Áreas de Rehabilitación Integral (ARI) e ARI dos Camiños de Santiago, que suman un importe global de 4,5 millóns de euros. A conselleira mantivo esta mañá unha reunión con representantes municipais dos concellos da provincia de Lugo, aos que lles trasladou que o programa de Áreas de Rehabilitación Integral prevé axudas a propietarios para a rehabilitación de vivendas e a concellos para urbanización e reurbanización no ámbito comprendido dentro dunha ARI declarada.
Recordou que a nova convocatoria realizada polo IGVS para todas as áreas de rehabilitación integral de Galicia, aberta dende o pasado 10 de xullo, está dotada con tres millóns de euros e o prazo para presentar as solicitudes remata a finais de outubro; e engadiu que -de xeito paralelo- tamén se abriu a convocatoria das subvencións ás ARI dos Camiños de Santiago, dotada nesta nova convocatoria de 1,5 millóns de euros. Lembrou que -neste último caso- para acceder ás axudas, que poden ser de ata o 40% da actuación ou de 30.000 euros por cada vivenda construída en substitución doutra, é preciso contar cunha cualificación provisional que se pode solicitar en calquera momento.
Ángeles Vázquez invitou aos concellos a facer usos destes recursos públicos, así como de achegar aos seus veciños esta información, co fin de que ambas liñas de actuación esgoten o crédito reservado; ao tempo que é unha mostra do interese dos galegos por recuperar o patrimonio xa construído e se artella unha medida para facilitar o acceso a unha vivenda.
Rehabilitar cada vez máis doado
A conselleira de Medio Ambiente destacou que Galicia ten avanzado neste ano un paso moi importe, ao contar coa primeira Lei de rehabilitación, polo que se pode afirmar que Galicia é pioneira nesta materia, xa que é a primeira rexión en dispoñer dunha normativa específica en materia de rehabilitación.