A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, reuniuse esta mañá cun grupo de empresarios interesados en adquirir solo industrial no concello lucense de Palas de Rei para trasladarlles os últimos avances e pasos realizados desde a Xunta co fin de darlle o pulo definitivo á ampliación do parque empresarial deste municipio.
A este respecto, a responsable do Goberno galego avanzoulles que antes de que remate este mes está previsto contratar a redacción do proxecto sectorial, primeiro paso para poder desenvolver o novo ámbito xa que nel se establecerá o ordenamento detallado do mesmo e permitirá iniciar a adquisición do solo necesario para a ampliación.
No transcurso da xuntanza, na que tamén participou o alcalde de Palas, Pablo Taboada, os representantes das empresas lembraron que as dúas fases existentes do único parque do municipio –ambas promovidas polo IGVS e que suman preto de 50.000 metros cadrados de superficie destinada a parcelas- están xa vendidas na súa totalidade, polo que non hai opción de adquirir máis solo por parte das empresas interesadas.
Por este motivo, a conselleira explicou que na modificación do Plan Sectorial de Ordenación de Áreas Empresariais de Galicia, aprobado polo Consello da Xunta en novembro de 2018, decidiuse incluír a execución dunha terceira fase no parque empresarial de Palas de Rei, cunha superficie total prevista de 42.280,56 metros cadrados.
A demanda de solo por parte de empresas interesadas en asentarse nesta localidade ou en ampliar as súas instalacións xa existentes supón nestes momentos unha porcentaxe importante da superficie prevista na próxima ampliación. Para isto, o departamento galego de Medio Ambiente incluíu xa nos seus orzamentos deste ano unha partida de 400.000 euros que permitirá acometer os traballos técnicos e a adquisición dos terreos necesarios.
De feito, nestes momentos xa están en execución ou contratados os estudos topográficos e xeotécnicos así como os traballos de prospección arqueolóxica. Una vez redactado o proxecto sectorial, o seguinte paso será contratar a redacción dos proxectos de urbanización e de expropiación, previsiblemente antes do verán, de modo que as obras para urbanizar o ámbito se poidan acometer en 2021 co obxectivo de empezar a comercializar as parcelas.