A área de Medio Ambiente reforzará, dende hoxe, os traballos de roza nas parcelas municipais. O edil Álvaro Santos sinalou que, ao dispositivo habitual que o servizo de limpeza desenvolve durante todo o ano, engádese agora un novo tractor que, coa axuda de dous operarios, posibilitará a súa actuación simultánea en varios puntos da capital.
“As tarefas a desenvolver pola empresa contratada xa foron planificadas e coordinadas para complementarse de maneira que, esta mesma xornada, comezaban a operar nos soares de San Fiz, desprazándose proximamente ao barrio de Montirón, as baixadas ao río Rato e, finalmente, a Casás e o Castiñeiro”, indicou o concelleiro.
O responsable de Medio Ambiente aclarou que, nestas ubicacións, se intervirá primeiro coa maquinaria externa e logo o persoal municipal completará o acondicionamento do perímetro dos predios, “de forma que as brigadas no cheguen nunca a coincidir para evitar riscos”.
Santos Ramos encadrou esta licitación na necesidade de atallar canto antes o crecemento exponencial da maleza nos terreos públicos durante a primavera. “Un cometido que non se puido asumir antes polas limitacións impostas polo COVID que obrigou a concentrar todos os esforzos da concesionaria do aseo urbano na desifección intensiva da cidade e mantivo paralizados, durante tres meses, os prazos administrativos”.
O edil lembrou que o Concello efectúa un mantemento permanente, de luns a sábado, sobre as zonas verdes e os espazos que son da súa titularidade para ter baixo control a vexetación, “tarefas que se repiten varias veces nas mesmas contornas durante o ano, segundo as condicións climatolóxicas, e entre as que procuramos dar cobertura tamén ás demandas que, a través do departamento de Medio Ambiente, nos fai chegar a cidadanía”.
Así, Álvaro Santos relata que nas últimas semanas o operativo de roza, que actualmente se atopa acondicionando a contorna dos colexios electorais, pasou pola Cheda, Paradai, Aceña de Olga, Augas Férreas, Avenida de Madrid, Volta da Viña e seguirá polo barrio de Albeiros, As Croas, a Piringalla e as baixadas ata a N- VI. “Ademais – concluíu o concelleiro – neste primeiro fin de semana de xullo quedou limpa tamén a Rolda da Muralla”.