A directora do Instituto de Estudos do Territorio, Inés Santé, participou esta tarde en Chantada na entrega dos premios Vilas en Flor, unha iniciativa coa que se recoñece e distingue a aqueles municipios que destacan pola súa aposta a favor da integración e o coidado da paisaxe na xestión dos seus respectivos espazos urbanos.
Na edición deste ano do certame, que por primeira vez recala en Galicia, os concellos galegos galardoados foron Chantada, Allariz, Caldas de Reis, Betanzos e Ortigueira, aos que Inés Santé felicitou expresamente por asumir o reto de traballar pola mellora e a xestión sustentable dos espazos comúns nas súas respectivas vilas, e fomentar á vez a conciencia ambiental da veciñanza.
Concretamente, a directora do IET eloxiou o bo facer de Chantada no mantemento das súas zonas verdes, a aposta do Concello de Allariz pola mellora e o coidado da paisaxe ata convertelos nun reclamo turístico para atraer visitantes á vila e a tradición botánica de Caldas de Reis, un concello cun patrimonio neste eido de incalculable valor. Así mesmo, tamén se referiu ao impulso que lle deu Betanzos ás zonas axardinadas e á súa integración cromática no conxunto da vila e subliñou o esforzo de Ortigueira na busca de propostas novidosas para facer unha mellora integral do seu territorio.