Medio Rural avalía o aparcelamento de terreos no Concello de Outeiro de Rei

O conselleiro do Medio Rural, José González, avaliou co alcalde de Outeiro de Rei, José Pardo, as posibilidades de mobilizar novos terreos do concello a través dos novos procesos de reestruturacións parcelarias. En concreto, a petición dos propios veciños, os técnicos de Medio Rural analizaron a situación en Sobrada, Paza, Arcos e Aguiar, as catro parroquias das que se recibiron as correspondentes sinaturas adaptadas á nova lei este mesmo ano.

Unha vez avanzados os primeiros estudios previos, que aínda están sendo analizados polo departamento correspondente, parece que habería posibilidades de iniciar reorganizacións do terreo e incrementar así a superficie agraria útil do municipio, e así llo trasladou José Gonzalez ao rexedor. O conselleiro explicou que poñer a producir predios abandonados é unha das prioridades desta consellería, polo que se mostrou aberto a estudar todas aquelas iniciativas que vaian nesta liña. Pola súa banda, o alcalde ofreceu toda a súa colaboración e a do concello, en xeral, para axudar no proceso de concentración.

A día de hoxe, o concello de Outeiro de Rei non ten ningunha reestruturación aberta, pero si dúas parcelarias rematadas, a de Castelo e Parada, que reorganizaron 555 hectáreas de terreo de 359 propietarios.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com