A Consellería do Medio Rural organizou unha xuntanza cos veciños e veciñas da parroquia de Louseiro, en Sarria, para avanzar no desenvolvemento dun programa piloto que pretende mellorar e aumentar a base territorial das explotacións gandeiras a través da reorganización das parcelas.
A reunión, celebrada hoxe no antigo colexio de Louseiro, foi convocada para concretar os seguintes pasos a dar de cara a reordenar a superficie agraria da zona e para explicar outros detalles do programa. Trátase dun proxecto de participación voluntaria que non altera en ningún caso a titularidade da propiedade, xa que está baseado nun mecanismo de arrendamentos e intercambios das parcelas de orixe, sen alterar a súa xeometría.
O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, subliñou que a Consellería realizou no último ano diversos análises previos que levaron á identificación desta parroquia como idónea para a aplicación do proxecto MARCOS (Mecanismo Agrario de Reestruturación Comunitaria da Superficie), en función de criterios como a superficie ou o número de explotacións existentes.
A parroquia de Louseiro foi proposta porque conta cun número relativamente baixo de explotacións pero ben dimensionadas, con moita superficie en propiedade e en arrendamento, e con agricultores mozos ao fronte que ademais amosaron unha boa predisposición na fase inicial do proxecto; ten unha superficie de 300 hectáreas.
Nesta nova fase dos traballos, a Consellería prevé un investimento de preto de 100.000 euros en labores como o estudo da titularidade e aproveitamentos actuais, preparación do parcelario e deseño dos aproveitamentos alternativos en base ás necesidades de cada explotación participante. Unha vez consensuado, establecerase o sistema de intercambios e de arrendamentos así como a súa xestión (privada, a través de Banco de Terras…).
O proxecto MARCOS é unha ferramenta eficaz, rápida e de baixo custe, de mobilización e agrupación de parcelas, atendendo ao aproveitamento das explotación locais. A base territorial das explotación participantes reagrúpase en superficies continuas maiores e, se é posible, incorpóranse terras agora improdutivas.
Este modelo ten vantaxes para as explotacións agrogandeiras da zona, que aumentan a superficie logrando unha redución dos custes de produción e a optimización das labores mecanizadas. Tamén é positivo para os propietarios das terras, que poñen en valor as parcelas a través da xeración das rendas de arrendamento, e para o conxunto da parroquia, coa mellora da paisaxe e a redución do risco de lumes grazas á recuperación de parcelas en estado de abandono.