Medio Rural axuda á Montaña lucense a previr os danos dos lumes forestais

A Consellería do Medio Rural achegou 735.000 euros a 42 propietarios de montes das comarcas da Montaña de Lugo, tanto persoas físicas como comunidades, para a realización de tratamentos silvícolas e outros labores co obxectivo de previr os danos causados aos bosques por incendios, desastres naturais e catástrofes, e de incrementar a capacidade de adaptación e o valor ambiental dos ecosistemas forestais.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, visitou hoxe os terreos da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común do Castelo, na parroquia do Freixo da Fonsagrada, unha das beneficiarias por estas axudas, e mantivo un encontro cos seus representantes.

Balseiro explicou que a Xunta subvencionou accións de roza, poda e tratamento dos restos e, no caso das comunidades de montes, ademais do  control selectivo do combustible tamén se financiou a construción de puntos de auga. As axudas están moi equilibradas entre ambas comarcas, sendo o 51% do importe para concellos dos Ancares e o 49% para os da Fonsagrada.

As achegas responden a dúas liñas de subvencións, unha delas especificamente dirixida aos montes veciñais e Sociedades de Fomento Forestal (Sofor) e a outra aberta a calquera persoa propietaria, física ou xurídica. No conxunto das comarcas da Fonsagrada e Os Ancares os expedientes de axudas que corresponden ás comunidades de montes supoñen case o 60% do total.

Ao respecto, Balseiro lembrou que a Consellería do Medio Rural dálles aos montes veciñais en man común carácter preferente nas súas actuacións de fomento e mellora da produción agraria, e destacou que estes “poden xogar un papel importante no obxectivo, que nos compete a todos, de manter a masa forestal nas mellores condicións posibles para evitar os incendios ou minimizar os seus efectos”.

O delegado afirmou que estas achegas son complementarias aos convenios que a consellería ten subscritos sobre máis de 200 montes da provincia que son de titularidade privada. Así, os propietarios non poden utilizar estas achegas para executar traballos sobre a superficie que teñen consorciada coa Administración, pero si sobre outras áreas da súa propiedade.

Neste sentido, Balseiro sinalou que a Xunta executa actualmente proxectos forestais en  montes consorciados en 37 concellos da provincia, que supoñen un investimento de preto de 3 millóns de euros.

O delegado asegurou que a Xunta procura a valorización do monte galego “para que sexa un activo de importancia para os seus propietarios, produtor de rendas e servizos, ao tempo que mellora a estrutura forestal de Galicia e consolida a nosa paisaxe, fauna e flora”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com