O director da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader), Miguel Pérez Dubois, acompañado polo delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, asinou esta mañá a cesión de varias parcelas propiedade do Banco de Terras de Galicia aos concellos de Lugo, Outeiro de Rei e Bóveda para o seu aproveitamento como infraestruturas de interese social.
Á sinatura do acordo de cesión asistiron a alcaldesa de Lugo, Lara Méndez; o alcalde de Outeiro de Rei, José Pardo, e o rexedor de Bóveda, José Manuel Arias.
Todas as parcelas serán destinadas a instalacións de interese común, iniciativas de carácter social ou infraestruturas básicas. En concreto, os predios son cedidos para accións como habilitar un punto de recollida de residuos plásticos agrícolas, un aparcadoiro, ampliar un cemiterio ou dispoñer un espazo público para actividades sociais e de lecer.
O obxectivo destas cesións é facer que o uso das parcelas reverta en beneficio directo dos veciños e veciñas. Por outra banda, tamén se pretende regularizar o patrimonio da Xunta de Galicia ao ceder as leiras que non teñen interese agrario para o Banco de Terras.