A Consellería do Medio Rural pagou o pasado ano máis de 91 millóns de euros en axudas da PAC na provincia de Lugo. En concreto, suman 91.780.190 euros, que supoñen arredor dun 15% máis que a axuda pagada en 2016. Deste montante global, máis de 71 millóns de euros corresponden aos pagamentos directos do Fondo Europeo Agrícola de Garantía (Feaga) e o resto ás medidas de desenvolvemento rural que xestiona o Fondo Galego de Garantía Agraria (FOGGA): Axudas a zonas con limitacións naturais, fomento de medidas agroambientais e da agricultura ecolóxica e para o mantemento de plantacións forestais en terras non agrícolas.
O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, explicou esta mañá que estas achegas benefician a preto de 12.500 gandeiros e gandeiras lucenses, a maioría dos cales ingresou xa como media en torno ao 95 por cento do importe das axudas directas que lles corresponden.
Ao respecto, cabe subliñar que a campaña 2017 da PAC continúa aberta, dado que estas tempadas comezan o seu prazo ordinario de pagos o 1 de decembro de cada ano e rematan o 30 de xuño do ano seguinte, aínda que xeralmente a Xunta xestiona o pago de anticipos anteriores á data de inicio.
Paralelamente, a consellería publicou xa a convocatoria de axudas da PAC para o 2018. O prazo para presentar solicitudes está aberto ata o 30 de abril. Entre as novidades que presenta, terá especial incidencia para a provincia o incremento do pago complementario para agricultores mozos, que pasa do 25% ao 50% do importe do pago básico, vantaxe da que poden disfrutar durante cinco anos. Tamén se flexibiliza o período no que poderán solicitar a axuda respecto da data da incorporación, co fin de facilitarlle a súa integración á actividade agraria. Na provincia solicitaron este complemento no 2017 un total de 1.211 gandeiros menores de 40 anos.
Outra novidade salientable atinxe ás axudas a zonas con limitacións naturais (ZLN) distintas das zonas de montaña, ao incrementarse o número de concellos de modo que na provincia pasan a ser todos excepto Rábade. O delegado territorial subliñou “a incidencia que teñen as axudas da PAC na renda dos agricultores e gandeiros lucenses, impulsando o futuro dun sector básico na economía da provincia”.