A área de Medio Rural, Mar e Mocidade da Deputación colabora na posta en marcha da plataforma de venda en liña de produtos agroalimentarios “Son de Lugo”, a primeira que aglutina pequenos produtores das distintas comarcas da provincia de Lugo.
A web, accesible desde hoxe para a venda en sondelugo.com, presentouse esta mañá nos Xardíns do Pazo de San Marcos, nun acto no que participaron a deputada Mónica Freire e representantes das trece firmas que se sumaron á iniciativa nesta primeira fase.
A deputada agradeceu aos produtores e produtoras “o seu compromiso e dispoñibilidade para emprender este proxecto en común que xurdiu durante a pandemia polas propias necesidades que as asociacións agrogandeiras formularon á área de Medio Rural”.
“O afundimento dos prezos pola falla de demandar por parte da hostelería e restauración fixo urxente buscar unha ferramenta que “pretende que o valor engadido e a calidade diferenciada e contrastada dos produtos repercuta nos produtores e produtoras e asegura unha vida digna no rural”, sostivo a responsable da área de Medio Rural, que contribuíu á posta en marcha da iniciativa con asesoramento técnico e que dará apoio e soporte económico a súa difusión.
Productos de calidade
A web ofrece unha selección de produtos das distintas comarcas: queixos das denominacións de orixe Arzúa-Ulloa de Arqueixal, en Palas de Rei, e San Simón da Costa, da firma vilalbesa Don Gabino; viño da denominación de orixe Ribeira Sacra, da adega Proencia de Proendos, en Sober. Legumes e fabas de indicación xeográfica protexida de Lourenzá da cooperativa Terras da Mariña; carne de Tenreira Galega Suprema da cooperativa A Carqueixa dos Ancares, carne de porco celta e poldro de cabalo de Pura Raza Galega de Céltico, un produtor de Muras.