A Consellería do Medio Rural tramitou durante o pasado ano a corta de 3,8 millóns de toneladas de madeira na provincia de Lugo (en concreto 3.868.070 toneladas). Segundo destacou o delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, o 94% deste volume corresponde ás solicitudes formuladas polos particulares e o resto a actuacións en montes de xestión pública.
Balseiro subliñou que estas cifras poñen de relevo o potencial que ten o sector forestal na provincia, que figura entre as principais produtoras de madeira de España; “un potencial que a Xunta intenta desenvolver con programas de apoio para que os titulares coiden os montes e obteñan beneficios a través dunha explotación sustentable dos recursos forestais”. Ao respecto, o valor estimado das operacións de venda da madeira procedente das cortas tramitadas no 2017 supera os 100 millóns de euros.
En concreto, o Servizo de Montes da Delegación Territorial de Lugo tramitou 26.893 solicitudes de particulares para a venda de 3,6 millóns de toneladas de madeira, que implica unha superficie forestal de 12.962 hectáreas.
Por outra banda, a Xunta xestiona maioritariamente mediante convenio -tamén mediante consorcio- montes de titularidade privada na provincia, nos que realiza labores de mantemento como poda, rareos ou clareos, e tamén cortas chegado o momento. Durante o pasado ano cortáronse nestes montes 221.131 toneladas de madeira, nunha superficie de 3.583 hectáreas. O prezo de adxudicación desta madeira sumou 4,6 millóns de euros (4.621.517 euros), que reverten nos propietarios dos montes, na súa maioría comunidades de montes veciñais en man común.
A reversión nos titulares dos montes xestionados por convenio pode ser pola totalidade do importe de venda ou polo 70 por cento, neste caso cando se precisa amortizar o custo de traballos realizados pola Xunta para o coidado da masa forestal ata obter as condicións óptimas para a corta.