A Xunta, a través da Consellería do Medio Rural, está a actuar estes días enconcellos de Lugo para controlar os riscos hidrolóxicos erosivos causados polos incendios e fomentar a recuperación do potencial forestal das zonas afectadas.
En concreto, o departamento que dirixe Ángeles Vázquez está a traballar –ou ten previsto facelo en breve– nos municipios lugueses de Cervantes (parroquias de Noceda e Donís), Negueira de Muñiz (parroquia de Ernes), Chantada (Esmeriz) e Folgoso do Courel (Meiraos). A previsión é completar estas intervencións antes de que remate este mes de decembro.
Para levar a cabo estes labores mobilizáronse arredor de medio cento de traballadores, que xa actuaron –ou están a facelo– en preto de 70 hectáreas mediante técnicas de acolchado de palla mulching manual ou helimulching, co emprego dun helicóptero para repartir o material). Ademais, situáronse barreiras, para evitar arrastres, nun total de 750 metros lineais e leváronse a cabo tamén actuacións de trituración de madeira afectada non comercial. No caso concreto de Chantada, a maiores arranxouse unha tubaxe de captación dun depósito de auga contra incendios.
Na planificación das tarefas deuse prioridade ás relacionadas coa prevención de arrastres de chan nas zonas máis sensibles, coa vista posta nas chuvias destes días, para evitar que as precipitacións lles afecten. Deste xeito, protéxense os solos para frear as escorrentías, especialmente en áreas de pendente acusada.
Restauración
A Consellería do Medio Rural destina un orzamento de sete millóns de euros para accións de consolidación de solos e restauración de zonas queimadas en toda Galicia. Nunha primeira fase estase traballando nalgúns dos 32 lumes de máis de 300 hectáreas que houbo ao longo do ano 2017 e nunha segunda etapa actuarase naqueles onde sexa preciso. As accións realízanse a través de encomendas de xestión, que contan cun presuposto de 3 millóns para o ano 2017 e os outros 4 millóns para o 2018.