A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas está a redactar dous proxectos de rehabilitación do firme e ampliación da estrada Mondoñedo-Vilameá (LU-124), cos que se mellorará o acceso dos veciños de Riotorto tanto cara a A-8 coma cara A Pontenova.
A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Ethel Vázquez, comprometeuse esta semana co alcalde de Riotorto a iniciar no vindeiro ano as obras do tramo Lindín – Cruz da Cancela, para facilitar o acceso á autovía.
O obxecto da actuación é completar ata o final da estrada -situado na intersección coa N- 640 en Vilameá (PK 29+620)-, a mellora que actualmente leva a cabo a Xunta de Galicia nos primeiros 8,8 quilómetros dende Mondoñedo ata Lindín. O tramo da estrada comprendido entre Cruz da Cancela e Riotorto (PK 15+200 ao 23+100) xa está acondicionado, polo que resta por actuar entre Lindín e Cruz da Cancela, e de dende Riotorto ata Vilameá.
O primeiro treito no que se actuará será o que discorre entre o enlace coa A-8 en Lindín e a glorieta da Cruz da Cancela. Os traballos a realizar consistirán na mellora do firme, co fresado e extensións dunha nova capa de rodadura, así como na realización, dentro da zona de dominio público da estrada, de pequenos ensanches naqueles puntos que se precisen. Estas obras iniciaranse no vindeiro ano.
O seguinte tramo no que se actuará será o que vai dende Riotorto ata Vilameá, mellorando deste xeito a seguridade e comodidade dos veciños de Riotorto ata A Pontenova. Estas obras programaranse unha vez se finalicen os traballos nos primeiros tramos. Na imaxe indícanse os tramos sobre que se están a desenvolver os dous proxectos construtivos de rehabilitación do firme e ampliación deste vial.