Calquera de nós, cidadáns de a pé que expresan opinións a través dos medios informativos, ten que medir moi ben as súas palabras para evitar estridencias que poden ser mal interpretadas, ou resulten impropias ao ser analizadas. Pero a medida do que se di ten que ser moito máis ponderada se se trata dun cargo publico, e xa non digamos se é secretario xeral dos bispos españoles.
Luis Argüello, que é quen ostenta este cargo, días pasados, comentou que para o sacerdocio pedía candidados “enteiramente varóns e, polo tanto, heterosexuais”, admitindo para o diaconado homes casados, pero no presbiterado tiñan que ser varóns célibes heterosexuais.
A menos que eu me teña perdido algo nas disposicións recentes da Igrexa en relación cos cregos, entendo que sigue vixente a norma de que os cregos non só non se poden casar, senón que o celibato implica abstinencias polo que, en principio, o de homosexuais ou heterosexuais non lles afecta, por ser un terreo no que non poden entrar.
Os meus amigos cregos, e teño uns poucos, teñen o celibato como tema superado, acatando as disposicións da Igrexa desde o momento en que foron ordenados, téndolles xa sen cuidado, moitos tamén por razón de idade, como camiñe este asunto polos despachos enmoquetados do Vaticano. Se a Igrexa ordena que dominen a súa sexualidade en razón do seu ministerio, non parece haber lugar a analizar unha sexualidade que nunca vai existir.
Cuestión a debatir é se esa norma debe ter vixencia aquí e agora e outra, aínda máis problemática, os excesos que algúns membros do clero teñan cometido, e recordo un en Lugo que se solucionou co piadoso traslado do afectado a outra diocese.
Mentras non se elimine o celibato sacerdotal e as súas “normas subsidiarias”, á xerarquía tenlle que ser exactamente igual que un crego sexa heterosexual ou homosexual, porque calquera tendencia terá que quedarse no mundo dos desexos sen pasar a ningún tipo de relación .
Xa non é que o sr. Bispo tivera un desliz verbal na súa comparecencia pública senón que ten que estar dando cabezadas contra as paredes preguntándose en que estaría pensando para caer nun lapsus así.