O 8 de febreiro cumpriranse 10 anos da sinatura do protocolo entre a Xunta e o Concello de Lugo para crear un Museo da Romanización no Cuartel de San Fernando e o goberno local denunciaba esta mañá que, dende entón, “vemos que o Goberno galego non fixo absolutamente nada” para materializar este proxecto. A entidade municipal aseguraba este mediodía que o propio concello xa fixo un “esforzo investidor tremendo” ao destinar 2,4 millóns de euros de fondos municipais para comprar o antigo edificio militar ao Ministerio de Defensa e poñelo a disposición da Administración autonómica co fin de crear o Museo e no que expoñer e difundir “o inmenso patrimonio que posúe Lugo como cidade bimilenaria e a máis antiga de Galicia”.
A Alcaldesa da cidade, Lara Méndez, fixo estas declaracións durante a visita que realizou ao Cuartel xunto a Concelleiro de Desenvolvemento Sostible e Persoal, Daniel Piñeiro, para supervisar o inicio das obras de demolición da vella lavandería, que dá á rúa Quiroga Ballesteros, e o acondicionamento do espazo resultante, de 1.000 m2, como un área de esparexemento en pleno centro da cidade.
Na visita tamén participaron os técnicos municipais que redactaron este proxecto e representantes da empresa adxudicataria das obras. Méndez afirmou por isto que hoxe “é un día agridoce para o Concello”, xa que mentres “a Xunta está desaparecida e non fixo nada para que Lugo teña o Museo da Romanización” dende que Feijóo é Presidente, “no Goberno tapamos os furados e buscamos solucións para as chapuzas que nos deixa o Executivo galego”.
“As institucións non son persoas, e polo tanto hai un compromiso entre institucións que o Partido Popular está incumprindo”, reclamou a Alcaldesa, quen lembrou tamén que, tendo a obriga de achegar fondos para o mantemento e conservación do Cuartel de San Fernando por ser Ben de Interese Cultural (BIC), a Xunta “o único que fixo ata o de agora foi firmar un convenio co Concello para achegar 90.000€ cada administración e poder manter o edificio en pé”.
Lara Méndez volveu de novo a reivindicar o Museo da Romanización, “que se cumpra o compromiso que adquiriu a Xunta como institución”, sinalando neste senso que se hai vontade política, hai capacidade económica: “con moito menos do 1% de todo o que se dedicou ao Gaiás teríamos en Lugo un Museo da Romanización”.
A rexedora incidiu na ausencia da Xunta en Lugo, “que non está nin se lle espera; nin no rural, pois nega fondos para saneamento; nin en sanidade, pois nega Hemodinámica 24 horas; nin en infraestruturas, pois nega a Intermodal; nin en Cultura, pois nega o Museo da Romanización”.
O acondicionamento do entorno de San Fernando, explicou Méndez, é unha actuación máis enmarcada no modelo de cidade que desenvolve o Goberno, centrado na “recuperación e posta en valor de espazos públicos, coa persoa como centro de todas as accións políticas, e na valorización de todo o casco histórico”.