A alcaldesa de Lugo trasladaba hoxe a súa satisfación polos últimos pasos dados dende Adif, que “permiten avanzar” na concreción da Estación Intermodal, logo de que onte procedera a formalizarse o contrato dos servizos de consultoría e asistencia técnica para a redacción do proxecto básico e de construción da nova estación de ferrocarril de Lugo.
“Por unha banda vén a demostrar que o compromiso adquirido por Adif coas administracións, ao respecto desta infraestrutura, é firme e, pola outra deixa patente tamén a súa vontade de axilizar todo o procedemento para acadar que esta dotación sexa, moi pronto, unha realidade”, destacou Lara Méndez.
A rexedora enxalzou a importancia de poñer Lugo no mapa das conexións ferroviarias, de dotar o termo municipal e a provincia de servizos de comunicación axeitados, “para o que – engadiu – resulta parte indispensable dispoñer de equipamentos que estean a altura das necesidades e das demandas cidadás, como o será este novo edificio e as prestacións que contempla”.
O contrato de servizos, onte formalizado, fora adxudicado en setembro á UTE formada polas empresas INES Ingenieros consultores e L35 Arquitectos por importe de 779.745,57 euros (IVE incluido) e un prazo de execución de 15 meses.
O proxecto inclúe tamén a creación dun paso inferior entre as plataformas da estación, de uso exclusivo para os usuarios do ferrocarril, outro paso inferior peonil de uso libre, que conectará ambos lados da canle ferroviaria, así como a urbanización e integración urbana de toda a actuación.
A alcadesa agarda que este martes, no marco da reunión convocada por Adif, en Madrid, se poidan concretar, aínda máis, cales serán as seguintes actuacións a desenvolver e o calendario fixado para a sinatura do Convenio que permita levar a cabo a intervención.