A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, comprometeuse este venres, no encontro coa nova plataforma veciñal Lugo en pé… na defensa do rural, que reuniu a máis 700 veciños e veciñas, a destinar unha partida de 300.000 euros no Orzamento do ano 2018 para avanzar na dotación de saneamento no rural, e esixirá á Xunta que achegue 700.000, co fin de dispoñer dun millón de euros para levar a cabo actuacións neste eido o vindeiro ano.
“O saneamento non é xa unha necesidade, é un dereito. É certo que resulta custoso e que non temos capacidade económica para facelo todo á vez, pero iso non significa que non debamos ir avanzando, establecendo unhas prioridades, e ir consignando partidas orzamentarias ano a ano”, explicou a rexedora.
Así mesmo, Méndez avanzou que a próxima semana o Concello comezará unha xeira de reunións “parroquia por parroquia, cos veciños, pedáneos, asociacións, comunidades de montes… para instalos a que pasen pola Oficina Municipal de Asuntos do Rural a expoñer propostas co fin de avanzar na elaboración dos proxectos para poder executar as obras”.
Tanto Lara Méndez, como Miguel Fernández, felicitáronse polo amplísimo poder de convocatoria do rural, demostrado no acto desta tarde, que desbordou completamente o centro Uxío Novoneyra, o que significa que “o rural é reivindicativo, ten futuro e nunca falla”, así como pola creación da propia plataforma porque “a unión fai a forza” para conseguir “as dotacións e servizos necesarios para poder vivir no rural e do rural, e que non sexa unha illa de sobrevivintes, senón un paraíso”, asegurou a Alcaldesa.