“Un proxecto de orzamentos de cara á galería, un brinde ao sol, que non cumpre con Lugo e que certifica que o Goberno de Feijóo non recolle nin ás necesidades dunha das grandes cidades de Galicia, nin ás demandas históricas da veciñanza”. Así resumiu a Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, o proxecto de Orzamentos da Xunta para o 2017, “que un ano máis pasa de refilón polo municipio, deixando abandoado ao noso Concello con respecto doutros”.
Deste xeito, a rexedora puxo de manifesto que no proxecto de orzamento non se recollen os compromisos que Feijóo adquiriu cos e cas lucenses. “Vese claramente que para a Xunta de Galicia, Lugo non existe, xa que as demandas históricas, non do Concello, senón de toda a cidadanía lucense, non teñen resposta por parte do Goberno Autonómico do PP”, subliñou Lara Méndez, ao tempo que afirmou que o Concello está ao lados dos seus veciños e veciñas, como non pode ser doutra maneira, apoiando as súas reivindicacións, pero tamén traballando polo desenvolvemento do municipio, “un desenvolvemento polo que, polo visto, non avogan outras administracións”, como pon de manifesto este proxecto.
A Alcaldesa, quen confesou ser pedigüeña para a veciñanza, quixo destacar que se alegra por cada un dos euros de investimento para o Concello. Nesta liña, destacou os 1,6 millóns destinados para acabar a reforma do centro integrado das Mercedes ou os 1,5 millóns para o campus. Dito isto, a rexedora reivindicou que non vai a consentir distinción inxustificada cos veciños e veciñas de Lugo con respecto a outras das cidades galegas.
Nesta liña, Lara Méndez puxo de relevo que neste proxecto de orzamentos non se teñen en conta demandas históricas, e non contemplan, por exemplo, novas prazas de gardería de ámbito autonómico, nen ningunha previsión para a residencia da 3ª idade, en contra do anunciado en campaña electoral e a pesar de que o Concello lle achegou os planos de todas as parcelas dotacionais que a entidade local lle puxo a disposición.
Neste proxecto tampouco figuran partidas para Hemodinámica 24 horas, o barrio da Residencia, a conversión do Cuartel de San Fernando no Museo de Romanización, a finalización da Ronda Leste ou o saneamento no noso rural, que tampouco está a ser atendido como noutros concellos.