Méndez critica a “deslealdade institucional” da Xunta por anunciar a construción dunha residencia ao líder do PP local

O concello de Lugo critica a “deslealdade institucional” da Xunta logo de que o conselleiro de Política Social se reunira co líder do PP de Lugo, Jaime Castiñeira para anunciarlle que o Goberno galego impulsará a construción dunha residencia da terceira idade na cidade e que habilitará algunhas das partidas necesarias para a infraestrutura nos orzamentos de 2017.

Para a alcaldesa de Lugo Lara Méndez este feito é un novo “desprezo aos lucenses por parte da Xunta” e critica que este anuncio se faga a un membro da oposición de xeito partidista”. “Quen é o señor Castiñeira a parte do eterno aspirante ao Goberno e ao eterno opositor? Tan débil está o señor Castiñeira que ten que botar man dos amigos da Xunta?”, preguntábase a rexedora.

Méndez dicía sentir ademais unha “gran decepción” por parte do conselleiro de Política social, José Manuel Rey Varela, e lamenta que faga este anuncio neste momento cando ela se puxo en contacto persoalmente con el para trasladarlle a necesidade da construción dunha residencia de anciáns na cidade.

Ante esta situación, o Goberno local rexistrou unha petición na sede da Xunta en Lugo para pedirlle ao conselleiro que se traslade á cidade para ensinarlle algúns dos solares dos que dispón o concello para a creación de dito centro. O executivo de Lara Méndez escolleu en concreto sete emprazamentos situados en lugares como na contorna das Termas, Catasol, San Fiz ou Recatelo.

A este respecto, Méndez instou ao conselleiro a visitar a cidade e agardou que o anuncio non se trate dun novo exercizo de “propaganda electoral” e lembrou que de se tratar dun anuncio propagandístico “podería incorrer nun delito ao estaren xa convocadas as eleccións xerais.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com