A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, presentou hoxe na Feira Internacional de Turismo (FITUR) a marca ‘Lugo, cidade viva’, “que define a aposta do Concello por un turismo seguro e ao abeiro da que se artellan as campañas municipais ‘Lugo, km 100‘ e as ‘Rutas Connexio ao pé do Camiño’.
Méndez apostou por potenciar o turismo sustentable e próximo ás persoas para, dixo, seducir e motivar aos visitantes que buscan experiencias de calidade seguras e diferentes.
A alcaldesa comezou o seu relato enxalzando os tres Patrimonios da Humanidade: a Muralla Romana, como sinal de identidade, a Catedral, lembrando que “foi declarada patrimonio da humanidade desde o ano 2015” e, por suposto, o Camiño Primitivo, “onde actualmente hai proxectos de mellora e actuacións claves para o conxunto da historia, a cultura e o patrimonio lucense.
Neste sentido, a rexedora presentou o novo vídeo promocional, ‘Rutas Connexio ao pé do Camiño’, “iniciativa derivada dos pioneiros Premios Connexio, que lanzamos o pasado ano, onde 220 artistas de todo o mundo se presentaron coa intención de expoñer en 6 templos elixidos noutras tantas parroquias, tanto no seu interior como no exterior das edificacións”, explicaba Lara Méndez.
Dende hai anos, Lugo atópase inmersa nun cambio de paradigma cara un urbanismo vangardista e sostible que está a ser pioneiro en Europa e, recentemente, o Concello presentaba a futura realización dunhas termas de auga quente ou “caldas” na contorna do río Miño, nas que Méndez recalcou que “reportarán múltiples beneficios á comunidade”, apuntou.
A rexedora aproveitou tamén para falar dos máis de 10 quilómetros de cinto verde que percorren a cidade, á beira dos ríos Miño e Rato. Do Parque Rosalía de Castro, que ofrece en pleno centro de Lugo 23 hectáreas de zona verde e, como non, do impulso da cultura a través das dúas festas de interese turístico nacional como San Froilán, “o sinal de identidade da tradición e do talante do lucense”, e o Arde Lucus, “a recreación do noso pasado romano“, ás que se sumou unha nova cita obrigada, o Caudal Fest.