Méndez: “Lugo non necesita un Parador no Casco Histórico senón un Museo da Romanización”

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndezcualificaba esta mañá de “ocorrencia” a conversión do Cuartel de San Fernando nun Parador e atribuíu á Xunta unha “improvisación constante que evidencia a súa falta de compromiso con Lugo”.

A rexedora asimilou o proxecto presentado onte polo conselleiro de Cultura “a unha fuxida cara adiante ante a necesidade de disimular o esvarón do Delegado provincial que foi o primeiro en nadar contra corrente aos intereses de Lugo e á vontade das e dos lucenses”.

“Ese cambio de criterio só se pode entender como o froito da presión que sinten ante a proximidade de eleccións autonómicas e como exemplo só fai falta referir que o pasado 25 de novembro a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda estivo en Lugo para falar de crear unha Oficina de Turismo no Pazo de Dona Urraca e, dúas semanas despois, este inmoble vaia ser unha sede do CGAC”, manifestou Lara Méndez.

“Unha volatilidade de ideas á que, desgraciadamente, xa estamos acostumados logo de que levemos unha década sen que a Xunta remate nada do que inicia na nosa cidade e que reflicte a debilidade das promesas que fan e a escasa credibilidade que rematan por demostrar”.

Para Lara Méndez que a Xunta siga dando “paus de cego” co futuro do Cuatel de San Fernando é, sobre todo, “unha irresponsabilidade da que este Concello non pensa ser cómplice. Cando a administración local adquiriu o edificio, por dous millóns e medio de euros, foi cun obxectivo claro: convertelo no Museo da Romanización. Así investiuse tamén no seu mantemento e na elaboración dun proxecto técnico para levalo a cabo. E logo de tres millóns gastados, agora a Xunta recúa, sen ningún tipo de xustificación, pretendendo que, a todos eses cartos, que saíron do peto das e dos lucenses e das e dos galegos, se sumen outros dez millóns máis para volver ceder a súa explotación. Inaceptable”, aseverou a alcaldesa.

“A nosa postura é inamovible con respecto ao Cuartel, de xeito consecuente co investimento feito pero tamén por respecto ao sentir unánime da sociedade luguesa con relación á súa finalidade. Non teríamos argumentos para explicar, se deixamos que aí se instale un Parador, por qué renunciamos ao aproveitamento da nosa riqueza patrimonial, por qué permitimos que outra administración allea, menosprece a autonomía de xestión que se nos presupón nesta materia e condicione as políticas culturais locais para servir a intereses partidistas e particulares. O Museo da Romanización debe estar no Cuartel de San Fernando, por iso o fixemos de titularidade municipal. E debe estar aí tamén porque en si mesmo é unha xoia arquitectónica e arqueolóxica como así o demostra o resultado das 16 catas que se levaron a cabo nel. É o contedor idóneo para este fin, tamén polo seu continente que permitirá a investigación in situ dos achados que posúe. Non podemos nin debemos renunciar a isto, nin ten sentido que, por protagonismos de siglas, agora se suxira desplazalo a tres quilómetros de onde estaba previsto”, insistiu a rexedora.

”Nin a Xunta nos parece o mellor xestor cultural do país, non cremos que poida dar moitas leccións ao respecto logo de 300 millóns investidos no Gaias, unha dotación que só en gastos de mantemento diario supera os 10.000 euros, nin tampouco compartimos o seu modelo de promoción turística que se afasta da nosa aposta pola sostibilidade. Con 182 prazas hoteleiras en construción no Casco Histórico e as súas proximidades, Lugo non necesita máis hoteis, necesita un Museo da Romanización para reunir e potenciar todo o patrimonio que temos. E, dende logo, o modelo de Paradores tampouco é o noso tendo en conta que  dende 2010 esta empresa pública acumulou seis exercicios continuados de perdas e unha débeda que superaba os 110 millóns de euros, un ERE de 350 persoas, e o risco de peche de 7 dos seus establecementos”, sinalou Lara Méndez.

“Polo tanto, se o conselleiro de Cultura, se a Xunta de Galicia, quere vir sumar a Lugo, teñen as portas do Concello abertas e estaremos encantados de colaborar na dinamización, na mellora e no crecemento do noso municipio. Para seguir dando bandazos como o que agora se pretende, non conten con nós”, concluíu a alcaldesa ao tempo que afeou as formas do executivo autonómico, “dunha absoluta falta de lealdade institucional ao vir á cidade para dar a coñecer socialmente un proxecto, sen antes terllo trasladado á administración que ostenta a titularidade dos inmobles nos que se pensa desenvolver”, lamentou Méndez.

Novas relacionadas

  1. Pedro Diaz
    Dec 12, 2019 - 11:25 PM

    @LaraMendezLopez El sitio para el Parador era en el solar del antiguo Hospital de San José. Pero ese tren ya pasó.

    Reply
  2. Carlos Fernandez Peleteiro
    Dec 12, 2019 - 09:34 PM

    A vontade de quen? Que preguntou algo respecto.. Esta Sñra. Dame a idea que non sabe donde ten a man dereita, quedalle grande o concello. O que si é certo e que o antigo cuartel de San Fernando hay que darle unha solucion, as administracións que sexan competentes no asunto. É hay que chegar a un entendemento coa ciudadanía. É máis entre os políticos e non tirar un para cada lado. Por que Vds. Gobernan para o pobo sexan do partido que sexan. Polo cuál vai sendo hora que amosen o seu sentido común.

    Reply

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com