A rexedora de Lugo, Lara Méndez, mantivo esta mañá unha reunión no Concello cos representantes dos barraquistas que piden poder instalarse en Lugo durante o San Froilán e á que acudiu acompañada polo tenente de alcaldesa e portavoz do Goberno local, Miguel Fernández.
Un encontro que se produce “a instancias das peticións do sector na procura de solucións para, como dende o primeiro momento – manifestou Lara Méndez – era a nosa vontade, se puidera compatibilizar a necesidade que teñen de retomar a súa actividade e a dinamización económica do municipio coa seguridade e a saúde pública que é a nosa principal preocupación”.
Así, a alcaldesa lucense referiu que “a xuntanza, que se desenvolveu nun clima cordial e de entendemento, posibilitou o intercambio de pareceres entre as expectativas dos empresarios e as restricións de aforo que impón a normativa autonómica, tratando de buscar alternativas que concilien o seu dereito a traballar cos medios e as dotacións das que dispoñemos as administracións para velar porque isto suceda sen contravir os protocolos Covid en vigor e con totais garantías para a poboación”, sinalou Lara Méndez.
A rexedora avanzou tamén que o Executivo analizará as propostas do colectivo “co obxectivo de, como fixemos noutras ocasións como puido ser esta pasada fin de semana no Caudal Fest, durante o Arde Lucus ou coa celebración de numerosas probas deportivas na cidade, ir recuperando a normalidade que tan necesaria é para a recuperación dos concellos dende o punto de vista económico pero tamén social”.
“Unha meta na que cómpre traballar sempre, sempre, sempre con responsabilidade e na que o diálogo debe ser a ferramenta na que se apoie a nosa capacidade de xestión”, concluíu Lara Méndez.
Set 24, 2021 - 04:56 PM
Tarde pero apareceu!!!!!!!!