A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, anunciou este venres que o Concello solicitará unha reunión cos representantes da consultura madrileña Bruxa Consulting S.L e o resto de adxudicatarios das casetas e caldeiros do polbo, para “poñerlles cara” e realizar así un seguemento que permita despexar dúbidas sobre a súa capacidade para instalar as casetas do San Froilán.
“Nesta xuntanza trasladarémoslles a importancia que teñen as nosas festas patronais para a cidade de Lugo, pola tradición das mesmas e para que os lucenses e visitantes poidan gozar destes festexos e, por suposto, tamén dun elemento tan significativo do San Froilán como é o polbo”, explicou Lara Méndez.
Esta mañá tamén se refería a esta cuestión a concelleira de Cultura Carmen Basadre que lanzaba unha advertencia aos representantes de Bruxa Consulting: se este ano incumpren as condicións recollidas no prego quedarán excluídos tamén os próximos tres anos. “Ese señor se incumple ademais de poder cesarlle ese contrato para o ano que vén non vai estar. E acabouse. Non hai tres anos máis. Acabouse e non volve estar”.
A rexedora Lara Méndez lembrou que “dende o Concello non se pode limitar a competencia, nin impedir que ningunha empresa se presentase ao proceso de licitación, pero aínda así, estamos facendo un seguimento, porque a administración ten sempre ten mecanismos para garantir que durante o San Froilán poidamos degustar o polbo”.