Como se fose unha novela interminable, continúan as leas no Concello de Lugo en torno á área de Urbanismo. De pouco lle valeu a Lara Méndez as présas para cubrir a vacante de Miguel Couto, que dimitira a mediados do mes de marzo, e poñer no cargo de titular da área máis controvertida do Goberno ao que parece ser unha das súas mans dereitas: Álvaro Santos.
As augas continúan revoltas no Concello e todo tras unha entrevista publicada por un medio local ao exedil Miguel Couto, no que aseguraba que, malia que valoraba a súa experiencia ao cargo da área como moi positiva, explicaba tamén que había certos “problemas enquistados dende hai anos” en Urbanismo, debido á imposibilidade de dirixir a área. Segundo explicaba Couto na entrevista, na concellería que el intentou dirixir, o titular do servizo “asina cousas” pero as propostas que presenta nunca se levan a cabo.
Da entrevista despréndese que son os xefes de servizo os que acaban dirixindo esa área e precisamente, o nomeamento dun xefe de servizo para Urbanismo, diferente ao que Couto pretendía nomear, foi o detonante da súa dimisión.
Esta entrevista que amosou o que se esconde detrás dunha das áreas máis importantes e tamén máis paralizadas de Lugo, fixo que os populares tildaran á rexedora da cidade como a “única responsable” da situación que Couto denunciaba. O voceiro popular Ramón Carballo aseguraba onte que a situación que describe o ex responsable de urbanismo “provoca nos cidadáns unha sensación de desamparo xa que lles acaba de confirmar que non teñen garantías de resolver as licenzas de obra en prazo”. Carballo afirmou que “a alcaldesa debe dar explicacións sobre o que tildou de terremoto político en urbanismo”.
A estas declaracións dos populares, que hoxe tamén solicitaban ao Goberno que encarguen una auditoria, dun órgano independente, para que analice a situación desta área; uniuse hoxe o grupo municipal de Cidadáns que criticaba duramente a “actitude mantida pola rexedora” da cidade, e que tildaban como “decepcionante”. A formación laranxa asegura que o funcionamento de Urbanismo “sumiu ao Concello nunha crise pública que daña a súa imaxe ante a cidadanía e crea unha desafección importante”.
Polo momento, o Concello de Lugo non quixo facer declaracións ao respecto desta situación que denuncia o exedil ou sobre a solicitude dunha auditoría da área.