Mercedes Cora

Os acontecementos da vida, ás veces, veñen rodados e non se pode achacar á casualidade – si á causalidade- que acontezan como nos ocorren. Así, onte en Lugo presentouse o libro MERCEDES CORA, de Manuel Curiel, como homenaxe póstumo e necesario a  Josefina Carrodeguas, de Castroverde, nacida en 1929, co nome artístico de Mercedes Cora, que nos deixou un total de once películas rodadas na súa curta vida, xa que morreu dun cancro de mama aos 52 anos.

E este libro-homenaxe é froito da paixón que pon en todo o que fai o entrañable e fervoroso José María Gómez Vilabella, que na familia a tivo por curmá, e no seu  universo das terras de Castroverde como unha referencia especial para descubrila ao mundo.

Hónrame o escritor Vilabella coa súa amizade, e xa hai un tempo que me comentou a existencia na súa familia dunha muller do cine, á que pretendía honrar. Non fixen máis ca poñelo en contacto con Manuel Curiel, o director –desde a creación, en 1979- da nosa internacional Semana de Cine de Autor, que algo xa sabía do tema, e entre os dous artellaron un fermoso libro que –entre cinéfilos anda a historia- eu prologuei e no que non teño máis papel ca poñer en contacto a dous homes especiais que de todos os xeitos acabarían por encontrarse e conxeniar.

Esta historia de Mercedes Cora, que elixiu este apelido artístico pola admiración que tiña cara á entrañable familia de xornalistas impulsora de El Progreso de Lugo, e “reverdecía cando chegaba a Galicia”, quere facer xustiza a esta cubana de Castroverde –que unha cousa é o lugar físico de nacemento e outro o da querencia e vocación-  que segue viva aínda que morreu hai 33 anos, porque aportou 11 películás á historia do noso cine, e porque o seu curmán Gómez Vilabella, que lle salvou a vida hai moitos anos, mantén viva a súa lembranza e Fonmiñá é así, a través de Manuel Curiel, a transmisora desa memoria para que todos os cinéfilos poidan saber do seu papel no mundo do cine.

Longa vida a Mercedes Cora, e noraboa ao tándem Vilabella/Curiel por este libro que é moito máis ca un complemento da Semana de Cine de Lugo do 2015; que é unha peza garimosa, vital, da nosa historia que só pode irse facendo contando con aportacións entrañables coma esta.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com