Mercedes Leobalde e Marica Campo, protagonistas das Catas Literarias no MIHL

A Concelleria de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, que dirixe Carmen Basadre, ten programadas dúas novas Catas Literarias que terán como protagonistas a Mercedes Leobalde e a Marica Campo.

A primeira das Catas Literarias vaise celebrar no MIHL este xoves, día 14 de maio, coa participación da escritora Mercedes Leobalde, que foi a galardonada na convocatoria do Premio Anxel Fole de narrativa en 2014 co seu libro “Funambulistas”. Outra obra súa, o poemario “Chamádeme Eva”, gañou o VIII Certame de Poesía Erótica Illas Sisargas en 2013. Esta autora, nada na Coruña en 1967, é licenciada en Filoloxía Galego-Portuguesa, traballa como tradutora-intérprete da Administración de Xustiza.

Por outra parte, o xoves día 21 a protagonista será a escritora Marica Campo, dado que se pospuxera a súa participación na Cata Literaria celebrada no mes de abril. María Pilar Campo Domínguez, coñecida como Marica Campo, nada no Val do Mao, no Incio, é narradora, autora dramática e, sobre todo poeta.

É autora, entre outras obras, de “Tras as portas do rostro”, “Confusión e morte de María Balteira”, “Pedinche a luz prestada” e “Sextinario: trinta e seis + tres”. Marica Campo exerceu como mestra en varias escolas da provincia de Lugo e en Canarias. Tamén foi profesora do IES Poeta Díaz Castro de Guítiriz.

A súa traxectoria literaria comezou coa publicación dos seus primerios relatos, en castelán, na revista de maxisterio “Contacto y acción”. Comezou escribir en galego durante a súa estadía no Colexio Público de Castro de Rei. Participou en concursos de poesía, prosa e teatro obtendo algúns premios e tamén é autora de varias letras escritas para o grupo musical Fuxan os Ventos.

As Catas Literarias, ademais de literatura, teñen o atractivo de ofrecer unha mostra da gastronomía lucense acompañada de viño da Ribeira Sacra. Tamén, durante o evento, haberá música a cargo de diferentes grupos da cidade.

 

 

(Fotografía: elperlanegra.net)

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com