A Praza de San Marcos acolleu onte o concerto de Mercedes Peón do Lugo Ágora Son. Trátase da iniciativa do Goberno da Deputación, coa que colabora o Concello de Lugo e Ditramotor, que ofrecen un ciclo de concertos, totalmente gratuítos, durante os meses de maio e xuño, por distintos espazos da capital da provincia.
A coruñesa Mercedes Peón realizou unha performance na que combinou música electrónica con instrumentos tradicionais. Música autodidacta, compositora, vocalista e produtora da súa propia obra, a artista ten editado catro discos de extenso recoñecemento internacional. Ademais é creadora de espazos sonoros para danza e documentais e foi Premio Nacional da Música no 2008.