Mero 

A inmensa maioría de quen esto lea sabe que, se falo de Mero, teño que referirme a Baldomero Iglesias do Barrio, un vilalbés que se fixo Mestre e afincouse en Mesía para ensinar, formar familia, escribir, compoñer, e proclamar “urbi et orbe” amor pola cultura, devoción pola Terra Chá, entrega por Galicia e querencia especial pola terra que o acolleu, á que pertence e enaltece.

Mero primeiro foi cantor (e Fuxan os Ventos e A Quenlla son probas irrefutables), logo músico (e quen cante O Carro, de Manuel María, estará cantando música de Mero, que o Manuel xa dicía que non estaba completo o seu poema sen o son que Mero lle asignou), e por fin poeta, con milleiros de poemas galegos no ser e no sentir, sensibles, vibrantes, con alma.

Porque Mero pon en todo o que fai alma, corazón e vida, e deso somos beneficiados cantos andamos ao seu arredor e compartimos querencias e ansias. E se a vida a ten compartida con Loreto e a súa ampla familia, a alma e o corazón están entregadas a dúas terras que o sosteñen e o inspiran: Vilalba e Mesía; dúas chairas que están medidas por ferrados de corazón e fanegas de alma.

Anda agora a asociación Obradoiro da Historia teimando porque Mero sexa declarado Fillo Adoptivo do Concello de Mesía, e agarda que os amigos de Mero – instituciòns e particulares – apoien a petición que van formular ao Concello para que se lle conceda esta distición. Quen opine, como opinamos todos os seus amigos, que Mero merece esa distincion non ten máis que mandar un correo a “obradoirodahistoria@gmail.com”.

Mero non di nada, pero déixase querer, como teñen que facer os merecentes de agasallo e teñen preto xente sensible que sabe o que hai que facer.

Xulio Xiz.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com