Miguel Fernández: “A Delegada da Xunta ou non se entera ou intenta enganar aos lucenses”

“A Delegada Territorial da Xunta en Lugo, Raquel Arias, ou non se entera do que licita, ou o que é peor, intenta enganar deliberadamente aos lucenses”. Así de contundende foi o voceiro municipal, Miguel Fernández, ante as declaracións realizadas por Raquel Arias, quen anunciaba a licitación da ampliación do CEIP As Mercedes no Diario Oficial de Galicia do 10 de agosto, cando en realidade o que se licita é o aumento do comedor deste centro, aspecto ao que non fai referencia. “Máis sorprendente sería aínda que saíse a licitación a ampliación deste centro no DOG”, pois o estudo de detalle foi aprobado inicialmente o pasado mércores en Xunta de Goberno, existindo un proceso regrado en todas as administracións, cun período de alegacións, e a súa posterior aprobación definitiva, momento no que se pode realizar dita licitación.

Miguel Fernández quixo deixar clara a intención do Goberno para que a cidade conte cun mellorado centro educativo na zona sureste, posto que tal e como recoñeceu a propia Raquel Arias, a Xunta remítelle ao Concello o estudo definitivo de detalle o 28 de xuño, sendo aprobado polo Goberno Municipal, de xeito inicial, soamente un mes máis tarde.

“Está á vista que a Xunta ten varas de medir distintas”, subliñou Fernández, ao tempo que lembraba as continuas trabas que lle puxo ao Concello co centro do Sagrado Corazón, esixindo nun primeiro momento unha parcela de 6.000m2, logo 8.000, e máis tarde 10.000 m2, chegando a condicionar a orientación dos terreos, requerindo agora a súa planificación urbanística, e negándose a aplicar a Lei 3/2016 de Proxectos Públicos de Urxencia e de Excepcional Interese, tal e como lle solicita o Concello. “A realidade é que o Concello cumpriu, poñendo a súa disposición os terreos, tras un período longo de expropiación”, asegurou o edil, quen quixo deixar claro que “unha vez máis se amosa que hai cidades de primeira e de segunda, e que a Xunta emprega criterios diferentes sempre con Lugo”.

“Se o puido facer en Vigo para unha iniciativa privada, pódese facer en Lugo para unha iniciativa pública”, asegurou o edil.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com