O Voceiro municipal, Miguel Fernández, lémbralle ao Partido Popular que “dende o Concello hai tres meses que lles demos resposta aos veciños e veciñas afectados polo tapón urbanístico da rúa Fisterra, indicando que nun prazo de catro meses levaríamos a cabo o proxecto para demoler as edificacións e que, polo tanto, cumpriremos o noso compromiso coa maior rapidez posible”.
Miguel Fernández tamén dixo que “agardamos unha maior seriedade e rigorosidade na labor de oposición do PP, para que deixen de poñer en dúbida continuamente a xestión do Goberno municipal, cando buscamos solucións aos problemas e necesidades dos veciños e veciñas de Lugo coa maior celeridade”.
Ademais, o Voceiro municipal indicou que “todos os investimentos que veñan para Lugo e que repercutan na mellora da calidade de vida dos nosos veciños e veciñas, benvidos serán polo Goberno municipal, porque ademais é de xustiza, xa que non queremos ser máis, pero tampouco queremos ser menos que outras cidades e por iso seguiremos reivindicando o que nos corresponde”.