O Voceiro municipal, Miguel Fernández considera que o convenio enviado pola Xunta de Galicia ao Concello para suprimir o tapón urbanístico na rúa Fisterra, “é un regalo envelenado do PP cos e cas luguesas”. Así de contundente foi o edil ante as declaracións do voceiro do Grupo Municipal Popular sobre dito convenio, cuxo obxecto “ é a expropiación dunha parcela, a construción dun muro de contención e a construción dunha beirarrúa neste espazo para mellorar o tránsito peonil”. Os técnicos municipais fixeron unha valoración do mesmo, resultando que o aportado pola Xunta de Galicia, duns 80.000 euros, representaba unha mínima parte do custe total.
Ademais, a aceptación dese convenio incluía a entrega da estrada de titularidade autonómica, no seu treito urbano, ao Concello, e isto non afectaba só á rúa Fisterra, senón que inclúe tamén a rúa Monte Faro. “A obriga da Xunta é entregarlle a outra administración as vías en perfecto estado, e neste caso na rúa Monte Faro as canalizacións aínda son de fibrocemento, polo que son unhas tubaxes cun período de caducidade cortoplacista, polo que estamos a falar dunha importante cantidade de diñeiro”, subliñou Fernández, quen tamén aproveitou para subliñar que a Xunta “lévase desentendendo historicamente da rúa Fisterra, polo que o Concello xa leva feito varias reparacións do firme nos últimos dous anos, por responsabilidade cos veciños e ante a total desatención da Xunta”.
“Mentres que noutras cidades entregan as vías correctamente e na nosa cidade non o fan”, avanzou Fernández, quen quixo deixar claro que “esta non é a única actuación da Xunta, senón que se suma a outras como a do equipamento do novo auditorio, a conversión do cuartel de San Fernando en Museo da Romanización, ou o Plan Paradai, entre outras, están a consolidar o maltrato sistemático da Xunta con Lugo”.
“O Concello está disposto a colaborar coa Xunta en todo o que supoña melloras para a cidadanía, pero partindo da necesaria negociación que garanta a equidade na aportación de ambas as dúas administracións”, aseverou o edil, quen tamén lamentou que “Jaime Castiñeira estea máis predisposto en defender os intereses da Xunta en lugar de defender os intereses dos veciños de Lugo aos que representan”.