O Concelleiro de Deportes e Medio Rural, Miguel Fernández, acompañado por técnicos municipais, supervisou este venres os traballos de mellora e rehabilitación que o Concello está a acometer na antiga escola rural de Barbaín, na parroquia de Santa María de Bóveda.
Estas actuacións de mellora, nas que a entidade local inviste máis de 6.000 euros, contemplan o pintado e rehabilitación exterior do edificio así como o reparado e repintado das paredes exteriores, ademais da instalación dun canalón para recoller a auga do tellado, e o pintado das fiestras e das reixas exteriores.
Tal e como deu a coñecer Fernández, o Concello acomete estas actuacións para mellorar estas instalacións, que son empregadas polos veciños e veciñas para realizar diversas actividades socioculturais. “Enmárcanse no noso compromiso por mellorar as dotacións do rural e por garantir a mesma calidade de vida aos veciños e veciñas que vivan tanto na cidade como no rural, asegurándolles a todos os lucenses os mesmos servizos públicos”, subliñou Fernández.