Míguez avoga por unha igualdade efectiva, normalización e non diferenciación entre sexos”

A secretaria xeral para o Deporte, Marta Míguez Telle, participou no serán de hoxe nas xornadas de homenaxe ao ex adestrador de balonmán Juan de Dios Román organizadas pola Peña Atlética Lucense. Deste xeito, participou no debate ‘A muller no deporte’ que tivo lugar no Cárcere Vello de Lugo que contou coa participación tamén da xogadora do CB Arxil, Arantxa Mallou, a atleta amateur, Karina Pasarín e a medallista paralímpica e internacional, María Hilda Rodríguez. Alí, a responsable do Deporte galego avogou por unha “igualdade efectiva, normalización e non diferenciación na que as mulleres e homes deben medirse polos seus méritos e capacidades e obter a mesma recompensa por eles”.

“Unha igualdade que debe ser defendida tanto por homes coma por mulleres e desde todas as frontes posibles, desde todos os ámbitos, de xeito coordinado, transversal e colaborativo, porque é unha responsabilidade que nos afecta a todos e aínda que haxa moito camiño andado, queda moito por percorrer”, enfatizou.

Desde 1984, coa participación da primeira muller galega nos Xogos Olímpicos, a ximnasta Marta Bobo, dixo, “o deporte feminino galego evolucionou gañando maior protagonismo” como demostra que “na historia particular de Galicia temos 107 deportistas olímpicos dos que 25 son mulleres, e 19 medallas en Xogos Olímpicos das que 3 foron conseguidas por mulleres”.

Marta Míguez identificou todos estes progresos co traballo de deportistas, xogadoras, adestradoras, árbitras, xuíces ou directivas que “buscan acadar os seus obxectivos no eido que libremente deciden e no que teñen dereito a pertencer a pesar de ser espazos orixinariamente reservados, con exclusividade e de xeito inxusto, aos homes ao longo da historia”.

A titular de Deporte enumerou todas as actuacións que leva a cabo a Secretaría Xeral en prol da igualdade como a promoción en busca do incremento da participación feminina en todos os ámbitos do deporte desde a base á elite. Neste sentido indicou que o deporte federado engloba a un 24% de mulleres, o programa Xogade a un 34% e as bolsas a deportistas galegos de alto nivel benefician a un 33% de mulleres.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com