Representantes da plataforma ‘Miño Si, Gasolineira Non’, presentaron hoxe no rexistro do Concello de Lugo preto de 1.400 sinaturas recollidas contra a instalación dunha gasolineira na área comercial de As Saamasas.
Para os representantes da plataforma “resulta indignante que ningunha administración fixera absolutamente nada para tentar parar este despropósito”. Os integrantes da plataforma anunciaron que continuarán desenvolvendo accións reivindicativas en defensa do río e que non se cinguirán exclusivamente á gasolineira.
En nome da plataforma falou Felipe Rivas e lembrou que “esta situación ven dada pola aprobación lexislativa no goberno do estado que permite a colocaicón de estacións de servizo nos centros comerciais” e engadiu que “parece mentira que unha lei, chamada de emprendedores, sirva en Lugo para atentar contra unha das zonas máis ricas ambientalmente falando”. Rivas sinalou que “a instalación da gasolineira foi consentida e autorizada polo Concello e pola Xunta”.
A traveso destas sinaturas os asinantes solicitan a retirada do proxecto por parte da empresa implicada. Ademais, segundo explicou o representante da plataforma, “reclamamos que o PP, no goberno da Xunta, e o PSOE no goberno local, cambien o seu posicionamento e se dignen a defender os espazos naturais de Lugo e vez de defender os intereses das grandes multinacionais como parace que ocurre neste caso”. No momento da entrega das sinaturas estaban presentes directivos de diferentes colcetivos e o candidato do BNG-Asambleas Abertas, Rubén Arroxo.