Miles de persoas secundan a manifestación pola Hemodinámica

A manifestación convocada esta tarde para reclamar a Hemodinámica 24 horas, Radioterapia e Medicina nuclear no Hula foi secundada por miles de persoas.  Arestora seguen os manifestantes polas rúas da cidade reclamando uns servizos que foran prometidos no seu momento polo presidente da Xunta Alberto Núñez Feijoo e que ata a data non foron implantados no Hospital Universitario Lucus Augusti.

Baixo o lema “Que non che rouben o corazón” a coordinadora da Iniciativa Lexislativa Popular (ILP) que reunira máis de 40.000 sinaturas para que esta iniciativa fora aprobada no Parlamento, foi quen de mobilizar á sociedade lucense para que o Hula ofreza un servizo de calidade aos doentes da provincia de Lugo.

Á cabeza da manifestación marchan o presidente da Federación de Asociacións Veciñais, Xesús Vázquez e o presidente de Abre la Muralla, o exalcalde Vicente Quiroga.

Asisten representantes da maioría dos partidos políticos que se presentan ás eleccións municipais, entre eles o alcalde de Lugo e candidato polo PSdG –PSOE  José López Orozco, o Secretario Xeral do Partido Socialista de Galicia e Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, Santiago Fernández Rocha, candidato de Lugonovo á alcaldía de Lugo, quen declarou a este xornal que estaba na manifestación como cidadán e non como político.

Asemade, tanto Xesús Vázquez como Vicente Quiroga fixeron unhas declaracións para Xornaldelugo.com, que mañá se poderán escoitar e ver neste periódico, nas que destacaron a gratitude aos lugueses e luguesas pola asistencia masiva á manifestación, e así mesmo apuntaron que esta era a cuarta manifestación para solicitar estes servizos á Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia.

En palabras de Quiroga “a implantación do servizo da Hemodinámica 24 horas tería un custo anual de 100.000 euros, o cal non semella un gasto moi grande para o servizo que pode prestar”. Pola súa banda, Vázquez subliñou que “a manifestación non estaba politizada e que estaba convidado todo aquel que quixera aisitir”, engadindo “que se o servizo non se implanta, seguirán con estas manifestacións ata conseguir o obxectivo, que non é outro que implantar as tres especialidades no Hula”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com