Militantes socialistas analizarán as áreas da Muller, Sanidade, Servizos Socias, Rural e da Cultura

O Secretario Xeral do PSOE na Provincia de Lugo, Álvaro Santos Ramos, informou hoxe sobre a posta en marcha de 5 grupos de traballos abertos a todos os militantes do partido para analizar a situación da Muller, da Sanidade, dos Servizos Sociais, da Sustentabilidade do Rural e da Cultura nos 67 Concellos. Os socialistas afondarán nas peculiaridades, necesidades e oportunidades de cada territorio, poñéndoas en común co obxectivo de ofrecer aos veciños políticas útiles e construtivas que redunden na mellora da súa calidade de vida e na igualdade de oportunidades vivas onde vivas.

Ata finais de novembro, os militantes de todas as agrupacións locais do PSOE na provincia poden anotarse nun dos cinco grupos de traballo. Os socialistas que se decidan por traballar no espazo sobre a muller, analizarán a actualidade política, lexislativa e social dende unha perspectiva de xénero. Ponse en marcha por primeira vez nun partido da provincia e porán en común a visión de todas as mulleres para compartir experiencais e coñecer a realidade das mulleres tanto do rural como dun ámbito máis urbano.

En canto a Sanidade e Servizos Sociais, os socialistas defenderán unha sanidade pública, universal e de calidade; na que os hospitais conten con servizos e profesionais suficientes, facendo que as listaxes de espera por unha consulta non superen, como o fan nalgún caso, o ano.

Os socialistas tampouco ven suficientes os servizos sociais, “hai centos de persoas que agardan por prestacións durante anos e incluso que nunca lles chega”. Tamén avogan por repagar prestacións polo copago fixado polo
Partido Popular.

Na área de Educación, que os socialistas entenden como outro dos piares da sociedade, analizarán o deseño actual da educación nos distintos niveis formativos para dar resposta aos posibles retos do presente e do futuro. A Sustentabilidade do Rural e outra das áreas nas que os militantes locais poderán anotarse para participar. O grave problema demográfico, a situación das infraestruturas e dotacións públicas necesarias para poder vivir con dignidade nas distintas localidades da provincia, as necesidades do sector primario ou a ordenación do territorio, serán algunhas das cuestións fundamentais para a provincia de Lugo que se avaliarán neste grupo de traballo.

Por último, os socialistas  entenden a cultura como a identidade, historia e tradición que define un pobo, así que no grupo de traballo sobre Cultura porán en valor o traballo levado a cabo por referentes culturais na provincia que foron impulsores de importantes transformacións sociais e determinarán iniciativas que potencien a cultura lucense, buscando a imprescindible participación e implicación cidadá para promover con orgullo a cultura da provincia de Lugo.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com