O Ministerio de Transportes, Movilidad e Axenda Urbana (Mitma) asinou un convenio coa Deputación de Lugo e o Concello de Monforte de Lemos para a execución dun novo vial de conexión entre as estradas N-120A e a N-120 e a mellora da seguridade viaria na contorna. O orzamento estimado das actuacións deste convenio ascende a 7,5 millóns de euros, dos cales o 90% serán aportados por Mitma, o 6,66% a Deputación de Lugo e o 3,34% o Concello Monforte.
Ademais de financiar a maior parte das actuacións, corresponde ao Ministerio redactar e aprobar o anteproxecto, proxecto de trazado e construción do novo vial de conexión entre a estrada N-120A e a nova N-120 e mellora da seguridade viaria na contorna; tramitar o procedemento de avaliación ambiental; tramitar o expediente expropiatorio correspondente; licitar e executar as obras, así como contratar todas as asistencias técnicas necesarias para o correcto desenvolvemento da obra; e formalizar, á finalización das obras, o cambio de titularidade do tramo executado a favor do Concello de Monforte de Lemos.
Doutra parte, corresponderá á Deputación de Lugo a obrigación de financiar parte das actuacións recollidas, e ao Concello de Monforte de Lemos, á parte de financiar tamén parte destas, a de aceptar a cesión do tramo executado polo Ministerio de Transportes, Movilidad e Axenda Urbana
O convenio estará vixente ata a recepción e liquidación das obras e, como máximo, por un prazo de 4 anos desde a data en que sexa eficaz, unha vez inscrito no Rexistro Electrónico estatal de Órganos e Instrumentos de Cooperación do sector público estatal.