Despois do éxito acadado por O meu veciño Totoro, en Codex Cinema ofrecen esta semana unha nova cinta de animación de Ghibli Studio, onde o gran Hayao Miyazaki fixo todos os seus filmes maxistrais. Nesta ocasión, chega a obra que lle deu o recoñecemento internacional definitivo: A viaxe de Chihiro.
Se ata este momento, o mestre era considerado un autor de culto e un produto de minorías fora da súa terra, con esta superprodución de animación triunfou no mundo enteiro, tanto nas billeteiras (aínda hoxe é o filme máis visto da historia en Xapón, por enriba de Titanic, Avatar ou os filmes de Marvel e Star Wars) como nas institucións da crítica e dos premios. Levou o Oso de Ouro no Festival de Berlín, un dos catro certames cinematográficos máis importantes do mundo, e o Óscar de Hollywood á Mellor filme de animación, sendo ata o momento a única película non estadounidense en facerse con este premio.
Nesta aparentemente sinxela historia sobre unha nena que ten que embarcarse nunha aventura extraordinaria para salvar aos seus pais, Miyazaki mostrou toda a súa arte no debuxo, na transmisión dos xestos máis íntimos e fermosos, e tamén quixo homenaxear a todos os seus referentes: Hans Christian Andersen, os irmáns Grimm, Ursula K. Le Guin ou Lewis Carroll. Todos estes autores e os seus mundos fantásticos aparecen de forma sinxela e natural na pantalla, sen que nunca parezan engadidos nin alleos á historia que se conta. Todo grazas ao talento de Miyazaki, unha personalidade á altura deses mestres da fábula. O filme chega a partir do martes e programarase tanto en versión dobrada como coas voces xaponesas orixinais.
Ademais, esta semana os Codex tamén A profesora de parvulario, extraordinario remake do filme israelí homónimo dirixido por Navad Lapid. O filme mantén respecto ao orixinal o seu clima de denuncia e todo o contexto social, mais converte esta narración nun inesperado thriller psicolóxico sobre as situacións da vida diaria. O filme conta cunha gran interpretación de Maggie Gyllenhaal, unha das mellores actrices do Hollywood actual, sempre atenta a filmes especiais e diferentes, e rexeitando as grandes producións cada vez máis banais e desorientadas do cinema americano destes días.
Estas dúas estreas súmanse aos tres grandes éxitos destas últimas semanas, a imprescindible A muller da montaña, que segue a sumar interese e espectadores a pesar de levar máis dun mes en cartel; o xigantesco drama sobre o nazismo e a herdanza da culpabilidade na Alemaña de posguerra que mostra A sombra do pasado; e a deliciosa biografía da gran Astrid Lindgren, a creadora de Pippi Mediaslongas.
Post Views: 0