A CIG mobilizouse hoxe en todas as cidades para demandar un calendario inmediato de actuacións que permita recuperar os dereitos perdidos nos últimos anos baixo o pretexto da crise. A central sindical advirte que, “fronte ao discurso da presunta recuperación económica e os postureos dos gobernos español e galego, atopámonos diante dunha situación de emerxencia nacional e social que require seguirmos na mobilización como único camiño para combater a precariedade, a pobreza e a emigración.
Freo na recuperación do emprego, postos de traballo con baixos salarios e de escasa duración, incremento dos contratos a tempo parcial, cadeas interminábeis de subcontratación, perda de poboación activa a causa da emigración e o avellentamento da poboación, caída do poder adquisitivo en máis dun 15%; “en definitiva, aumento da pobreza laboral, da precariedade e da explotación”. Esta é a radiografía que a CIG realizaba hoxe de Galicia e contra á que o secretario xeral da organización, Paulo Carril, emprazou a seguirse mobilizando nas rúas e nos centros de traballo “para reivindicar a necesidade de recuperar os nosos dereitos e que as galegas e os galegos teñamos emprego, salarios e pensións dignas”.
O secretario xeral da CIG fixo este chamamento con motivo da xornada de asembleas de delegados e mobilizacións que a central sindical desenvolveu este martes nas sete cidades no marco da campaña pola recuperación dos dereitos. Carril acusou o goberno español e o goberno galego de ter nula vontade para reverter as duras políticas neoliberais que nos teñen conducido a unha situación de empobrecemento xeneralizado. “Os meses pasan, a propaganda duns gobernos e outros vai en aumento pero na realidade hai un drama social que, como CIG, queremos denunciar e ofrecer unha alternativa”.
A este respecto, instou o goberno de Pedro Sánchez e ás forzas políticas que o sustentan, a pór en marcha de maneira urxente un calendario de actuacións para a derrogación das reformas laborais, das pensións e da negociación colectiva “que tanto dano causan”. “Estamos fartos e fartas de propaganda, de xustificacións de intereses doutro tipo e de escusas. É hora de actuar”, aseverou.
“Feijoo ten na cabeza un país imaxinario”
Sobre isto, o secretario xeral da CIG referiuse á intervención do Presidente da Xunta no Parlamento ao que acusou de ter na súa cabeza “un país imaxinario, que non coincide coa realidade”. “Fronte aos datos que manexa Feijoo, a realidade é que Galiza sofre unha perda de poboación activa de 69.000 persoas, 153.000 mozos e mozas teñen abandonado o noso país para marchar á emigración (hipotecando o noso futuro como sociedade), fréase a creación do emprego -e o que se xera é de baixa calidade-, temos as segundas pensións máis baixas do estado, perdemos servizos públicos, etc.”. Unha realidade “brutal” contra a que de nada vale, “a transformación fraudulenta do PP na Xunta nun Goberno ‘esixente’ ante Madrid”.